publicidade hoxe

Galicia constitúe o Consello Social do Centro Referencia Nacional de Acuicultura e Mergullo ostentado polo Igafa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, presidiu esta semana a reunión por videoconferencia na que se constituíu o Consello Social do Centro de Referencia Nacional (CRN) de Acuicultura e Mergullo-Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), o órgano de planificación e participación do sector produtivo neste centro de referencia nacional. Nesta xuntanza tamén se aprobou o plan de actuación plurianual 2019-2022 do CRN, centrado na mellora da capacitación profesional nos ámbitos da acuicultura e do mergullo, entre outros aspectos.

Esta planificación do Igafa aprobada durante a xuntanza ten entre os seus obxectivos mellorar as prestacións da páxina web do centro e difundila entre os centros marítimo-pesqueiros e o sector, o estudo de asuntos relacionados coa acuarioloxía e a figura de supervisor de mergullo, a revisión de guías de aprendizaxe e avaliación dos certificados de profesionalidade asignados ao Centro de Referencia Nacional e unificar criterios a nivel nacional relativos aos manuais didácticos de acuicultura e mergullo.

Outras propostas do plan de traballo son a colaboración co Observatorio de Ocupacións na análise das distintas ocupacións no sector da acuicultura e do mergullo e valorar se hai novas necesidades formativas. Tamén o establecemento de grupos de traballo entre centros de referencia nacional afíns para a mellora da práctica docente e a colaboración con centros de formación profesional na detección de necesidades formativas do persoal docente coa finalidade de perfeccionar este eido.

Ademais, esta folla de ruta plurianual busca analizar nas empresas de acuicultura as necesidades que presentan os traballadores para acreditar as súas competencias profesionais e a valoración dos empresarios sobre esas necesidades, participar en programas europeos como Erasmus+ e colaborar con institucións de investigación no campo da acuicultura para incorporar os novos coñecementos e procedementos tecnolóxicos aos distintos niveis de formación. Tamén está entre as súas accións a organización de xornadas de difusión e outras actividades de divulgación da actividade que realiza o centro nos campos da acuicultura e do mergullo e a programación de actividades en colaboración coas empresas dirixidas a activar e mellorar a empregabilidade das mulleres.

O consello social constituído esta semana ten entre as súas funcións propoñer estas directrices plurianuais e o plan de traballo do centro, informar do balance anual, aprobar a memoria anual de actividades e o seu regulamento de funcionamento, supervisar a eficacia dos servizos do centro e colaborar na busca de financiamento complementario ou de equipamento do centro. Este organismo está composto por 12 membros, repartidos de xeito equitativo entre Administración central e autonómica, as organizacións empresariais e as organizacións sindicais con representatividade na comunidade autónoma.

O Igafa como Centro de Referencia Nacional

O Igafa, dependente da Consellería do Mar, é o único centro de Galicia que imparte formación profesional de acuicultura e mergullo e foi inaugurado no ano 1992. En setembro de 2019 foi declarado Centro de Referencia Nacional. Entre as funcións do CRN está observar e analizar a nivel estatal a evolución dos sectores produtivos para adecuar a oferta da formación ás necesidades do mercado laboral, experimentar accións de innovación formativa e estudar a idoneidade de instalacións, equipamentos e medios didácticos para centros e entidades de formación.

Outras das súas tarefas son a colaboración coas organizacións empresariais e sindicais máis representativas e con institutos e axencias de cualificacións autonómicas, universidades e centros tecnolóxicos e de investigación, centros de formación profesional, empresas e outras entidades para fomentar o desenvolvemento da formación profesional.

Nestas funcións baséase o plan plurianual de traballo aprobado esta semana, que se sustenta no convenio selado en 2019 entre o Goberno central e Galicia para a cualificación do centro de referencia nacional nas áreas profesionais de acuicultura e mergullo da familia profesional marítimo-pesqueira no eido da formación profesional.

22 de maio de 2020 | 11:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.