publicidade hoxe

Axentes ambientais e bombeiros forestais do servizo de prevención e defensa contra os incendios suman máis de 4.500 desinfeccións para previr o contaxio do coronavirus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os axentes ambientais e bombeiros do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif) de Galicia levan realizadas xa máis de 4.500 desinfeccións en centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus.

En concreto, ata onte venres tiñan efectuadas un total de 4.516 desinfeccións, das cales 759 rexistráronse en centros asistenciais da provincia da Coruña, 964 en instalacións de Lugo, 2.308 na provincia de Ourense e 485 na de Pontevedra.

As desinfeccións, que estes traballadores realizan de xeito totalmente voluntario, estanse a levar a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes. Ademais de nos exteriores dos centros asistenciais, estase a actuar noutras áreas do rural especialmente sensibles, como as beirarrúas ou as zonas establecidas para a recollida do lixo.

Para realizar estes traballos adecuadamente, os efectivos contan coa debida formación e con todo o material de protección e desinfección necesario, así como cos protocolos de actuación pertinentes, seguindo en todo momento as recomendacións sanitarias establecidas ao respecto.

Ademais, cómpre lembrar que todas estas funcións adicionais que realizan estes profesionais non impiden que desenvolvan a súa función principal e primordial, que é a de prevención e extinción dos incendios forestais que se poidan rexistrar en todo o territorio galego.

9 de maio de 2020 | 14:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.