publicidade hoxe

A Xunta impulsará o turismo de congresos financiando medio centenar de eventos no último cuadrimestre do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta impulsará o turismo de congresos apoiando a celebración de medio centenar de eventos como seminarios ou convencións durante o último cuadrimestre do ano. Así pois, co obxectivo de fomentar esta modalidade, especialmente afectada polas medidas extraordinarias adoptadas como consecuencia da actual crise sanitaria, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha ampliación dos prazos de execución e de xustificación das axudas do Goberno galego a entidades organizadoras deste tipo de eventos.

Trátase dunha liña aprobada pola Xunta a finais do ano pasado e dotada con máis de medio millón de euros. Con todo, ante o escenario actual, decidiuse revisar os períodos de realización e de execución dos proxectos imputables á anualidade deste ano, establecendo os prazos o máis amplos posibles, garantindo que se poida revisar a documentación xustificativa e tramitar o seu pagamento no exercicio orzamentario actual.

Con esta ampliación de prazos –que non implica a apertura dun novo período para presentar novas solicitudes–, prevese que se poderá axudar no financiamento a preto de medio centenar de eventos de cara ao último cuadrimestre deste ano.

Esta medida súmase ás contempladas no Plan de Reactivación do sector turístico para fomentar Galicia como destino MICE. Entre as accións que recolle a estratexia elaborada polo Goberno galego para impulsar esta modalidade destaca a posta en marcha de axudas para a adaptación das empresas do sector á nova normalidade ou a creación dun plató online que permitirá celebrar este tipo de eventos a través de internet.

Axudas en caso de cancelación

Dentro deste marco de flexibilización para favorecer esta actividade, fundamental na acción turística galega ao permitir a desestacionalización e a atracción dun turismo urbano e de alto valor engadido, o último prazo de execución destas axudas rematará o 10 de decembro de 2020. Ademais, no caso de que a entidade beneficiaria xustifique motivadamente e acredite a asunción de gastos non recuperables pola cancelación do congreso que non se puidese realizar debido ás medidas acordadas para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, Turismo de Galicia poderá pagar estes gastos logo da xustificación da realización dos gastos e do seu pagamento pola entidade beneficiaria.

14 de maio de 2020 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.