publicidade hoxe

A Xunta facilita a reprogramación dos proxectos de O teu Xacobeo afectados pola crise sanitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia facilitará a reprogramación dos proxectos incluídos en O teu Xacobeo que se viron afectados pola crise do coronavirus e que polo tanto non se puideron desenvolver con normalidade co obxectivo de favorecer a súa posta en marcha. Deste xeito, e tendo en conta a situación sanitaria e o proceso de desescalada, os beneficiarios contarán cun maior prazo para realizar as súas iniciativas buscando así a máxima flexibilización e propiciando o seu financiamento, evitando causar prexuízos para as empresas, particulares e asociacións participantes.

Así, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, os beneficiaron contarán con prazo de execución ata o 31 de outubro e poderán xustificar as súas actividades ata o 15 de novembro. Cómpre lembrar que esta primeira convocatoria de O teu Xacobeo foi posta en marcha cunha dotación de 4,7 millóns de euros e co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 2021, unha celebración que, sen renunciar ao seu espírito de universalidade, está chamada a ser a máis galega da historia.

A convocatoria O teu Xacobeo representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable do Ano Santo. Divídese en tres liñas de axuda que abranguen cinco ámbitos de actuación: o artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, deporte e ámbito social. En total, apoiáronse máis de 300 propostas. A tramitación da segunda edición se veu interrompida pola suspensión de prazos do estado de alarma. Con todo, a Xunta de Galicia continúa co obxectivo de poder resolvela nos próximos meses adaptada ao novo escenario.

Impulso a través da rede

Nestas semanas de confinamento, algúns dos proxectos incluídos en O teu Xacobeo mantiveron a súa actividade a través das redes sociais ou aproveitaron para impulsar o ámbito dixital das súas iniciativas. É o caso de Hasta la vista, unha webserie centrada no Camiño de Santiago que durante este confinamento estreou varios dos seus capítulos, ou do proxecto Xardíns no Camiño, que ofrece información dos xardíns e espazos naturais que se atopan ao carón da Ruta Xacobea. Camiño por mar, que recolle a experiencia dun grupo de amigos que peregrinaron por mar ata Compostela cunha embarcación tradicional irlandesa; Esencia Xacobea, que afonda na dieta atlántica, ou A memoria dos peregrinos que amosa testemuñas de persoas que completaron o Camiño, son proxectos que tamén continúan activos a través de internet.

Dentro destas iniciativas tamén atopamos outras de ámbito editorial como o libro Unha viaxe ás terras da Raíña Lupa ou o cómic Carrandiola, ou dirixidas ao público infantil como O Mar no Camiño, un obradoiro dirixido a nenos de Educación Primaria. Ademais, tamén están dispoñibles guías como Luzlux, Onde andarás ou Pasaporte de Sabores.

Outros proxectos incluídos en O teu Xacobeo que forman parte da programación dispoñible de xeito virtual son Solpor, unha fiestra virtual en Fisterra desde a que se pode contemplar o atardecer, ou a dixitalización das pezas artísticas da Catedral de Santiago de Compostela.

14 de maio de 2020 | 12:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.