publicidade hoxe

A Xunta convida á reflexión sobre os desafíos da cultura na era post COVID-19 a través dunha serie de foros online con expertos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de pór en marcha os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19. Trátase dunha serie de encontros online –en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos das industrias culturais e creativas, co obxectivo de convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual, marcado pola emerxencia sanitaria e o seu impacto no ámbito cultural. Impulsados pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, enmárcanse no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego.

Os foros #aculturasegue arrancarán este venres 15 de maio cunha sesión que baixo o título Retos nos contidos dixitais da cultura analizará os desafíos e oportunidades que as novas plataformas e ferramentas tecnolóxicas ofrecen a profesionais e institucións culturais no contexto actual. Para abordar estas cuestións, contarase coa participación da responsable de programas virtuais do Museo Reina Sofía, Olga Sevillano Pintado, institución para a que liderou proxectos como Repensar Guernica, unha web que compila e achega ao público preto de 2.000 documentos e materiais relacionados co coñecido cadro que actualmente forma parte dos fondos da entidade e que se baseou nun intenso traballo interdisciplinar desenvolvido ao longo de dous anos por investigadores, historiadores, informáticos ou deseñadores. Entre os seus traballos de xestión e coordinación de eventos de arte e novas tecnoloxías destacan tamén o Comisariado do 12º Festival Internacional de Investigación Artística de Valencia Observatori 2011 e a coordinación en 2010 da exposición Sueños de Silicio: Arte, Ciencia y Tecnología en la Unión Europea con motivo do Consello Informal de ministros para la presidencia de España na UE.

Estará acompañada por Manuel Gago Mariño, profesor asociado na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinador de proxectos dixitais do Consello da Cultura Galega. É tamén divulgador científico e cultural con espazos en diferentes medios de comunicación de Galicia, así como comisario de exposicións con ampla experiencia en mostras vencelladas ao eido cultural e histórico, como foi o caso de Galicia, un relato no mundo, a primeira exposición da Xunta polo Xacobeo 21, que pechou as súas portas o pasado mes de abril no Museo Centro Gaiás.

O encontro, que estará conducido pola comisaria do Xacobeo, Cecilia Pereira, desenvolverase a partir das 18,00 horas a través de videoconferencia. A charla, na que están convidadas a participar todas as persoas interesadas, poderá seguirse de maneira gratuíta previo rexistro a través da web cidadedacultura.gal, onde está dispoñible toda a información sobre o encontro.

Temáticas dos foros

A esta primeira sesión seguiranlle outras sete, a desenvolver en datas próximas, centradas en diferentes temas e problemáticas que afectan ao sector das industrias culturais e creativas, convidando a profesionais e expertos en cada materia, tanto de Galicia como de fóra da nosa comunidade.

Así abordaranse por exemplo os retos aos que se enfrontan os sectores da música, das artes escénicas, das artes visuais ou do libro na era post COVID-19, pero tamén outras cuestións como novos formatos e mercados, novas fórmulas de xestión de dispositivos culturais ou o novo perfil de consumidor e a superación da desconfianza dos e das asistentes a eventos culturais no contexto da nova situación sanitaria global.

14 de maio de 2020 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.