publicidade hoxe

A Xunta agradece ao Estado a aclaración sobre os requisitos para facilitar a circulación dos tripulantes de buques, extensivos ao sector marítimo-pesqueiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería do Mar vén de recibir reposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á aclaración solicitada en relación á orde do 28 de abril sobre a documentación coa que os tripulantes de buques poderán acreditar a súa condición para facilitar a súa circulación. Nunha carta de resposta a outra da Consellería do Mar, a dirección xeral da Mariña Mercante aclara que esta normativa derivada da situación orixinada polo coronavirus pode ser interpretada como extensiva ás tripulacións dos buques de pesca, marisqueo e auxiliar de acuicultura.

O Executivo galego agradece esta resposta que chega dez días despois da misiva enviada pola conselleira do Mar ao ministro José Luis Ábalos e na que o Goberno central especifica que a orde se pode considerar como extensiva a tripulacións de todas as embarcacións ou buques. Na carta, enviada o 29 de abril pola Xunta ao Ministerio, a Administración galega solicitaba a aclaración do alcance da orde estatal relativa aos requisitos de documentación que necesitan os tripulantes de buques para a súa circulación debido a que o texto apunta de xeito xenérico a buques, sen facer referencia expresa ao seu tipo.

Esta consulta foi realizada despois de que varias entidades do sector se dirixisen á Consellería do Mar con dúbidas en relación á orde ante a súa falta de concreción e co obxectivo de clarificar se se estendía aos tripulantes de buques pesqueiros, marisqueiros ou auxiliares de acuicultura que están vendo dificultada a súa mobilidade como consecuencia da situación ocasionada polo coronavirus. Uns obstáculos que dificultan os embarques e desembarques das remudas da tripulación, así como o seu aloxamento en espera, con especial incidencia en terceiros países e incluso tamén de xeito puntual en espazos da Unión Europea.

Na carta a conselleira tamén trasladou ao Ministerio a importancia de adecuar as disposicións ás características do sector e de xerar solucións para os tripulantes que ven dificultado o seu embarque e desembarque no contexto actual.

9 de maio de 2020 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.