publicidade hoxe

Comeza o aboamento da totalidade da renda do mes de abril dos beneficiarios do Bono de Alugueiro Social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), comezou a aboar hoxe a renda correspondente ao mes de abril de 541 beneficiarios do Bono de Alugueiro Social, un programa de axudas dirixido a colectivos desfavorecidos e con escasos recursos. Deste xeito, ningunha destas familias terá que pagar nada en concepto de alugueiro en abril co fin de salvagardar o dereito á vivenda daqueles colectivos que, estando xa nunha situación de especial dificultade, poidan ser aínda máis vulnerables no actual estado de alarma.

Cómpre lembrar que o importe da axuda do bono alugueiro que asume normalmente a Xunta oscila entre os 175 e os 225 euros ao mes, en función do concello no que estea localizada a vivenda, mentres que o beneficiario paga pola súa conta o resto da renda mensual (aproximadamente o 50%).

En todo caso, no mes de abril e debido á crise provocada polo coronavirus, a Xunta asumirá o 100% do custo destes alugueiros -que ascenden a un importe total de 180.478.63 euros- de tal xeito que o beneficiario do bono non terá que pagar nada pola súa vivenda.

Aínda que a estimación inicial era chegar a uns 700 beneficiarios, nestes momentos son 541 as familias que teñen concedido e activo o bono de alugueiro social: 450 beneficiarios do bono ordinario e 91 da liña específica dirixida a vítimas de violencia de xénero. En todo caso, as persoas que teñen actualmente esta axuda en tramitación poderán beneficiarse tamén desta medida cando se completen todos os trámites do seu expediente.

Así mesmo, a xustificación da subvención recibida realizarase mediante o pagamento que o propio IGVS fará na conta do propietario da vivenda, sen que polo tanto a persoa beneficiaria teña que realizar actuación algunha neste senso.

Outras medidas en materia residencial e de solo industrial

A decisión do Goberno galego de asumir o 100% da renda mensual dos beneficiarios da axuda do bono de alugueiro foi ratificada polo Consello da Xunta o pasado 27 de marzo dentro dun paquete de medidas en materia de vivenda para axudar ás familias galegas máis vulnerables á crise do Covid-19.

A situación actual obrigou ás Administracións a situarse ao carón de quen máis o precisa, co obxectivo de causar o menor prexuízo posible, como poden ser os adxudicatarios das vivendas de promoción pública do Instituto Galego da Vivenda e Solo en réxime de alugueiro e dos locais comerciais da súa propiedade, alugados a particulares e asociacións.

Nese sentido, a Xunta decidiu non xirar os seus recibos de alugueiro desde abril e mentres se manteña a actual situación de estado de alarma. Máis de 3.500 familias aloxadas en vivendas de promoción pública do IGVS e en 64 inmobles titularidade de Xestur poderán beneficiarse deste aprazamento. Así mesmo, os inquilinos de 42 locais comerciais alugados polo Instituto tamén poderán acollerse a esta prórroga.

En total, estímase que unhas 4.300 familias galegas se beneficiarán dalgunha das medidas extraordinarias adoptadas pola Xunta en materia de vivenda con relación á crise do Covid-19.

Por último, tanto o IGVS como Xestur tamén deixaron en suspenso as cotas correspondentes a este mesmo mes polas parcelas industriais que teñen adxudicadas ambas entidades en réxime de alugueiro ou en dereito de superficie.

7 de abril de 2020 | 21:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.