publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta ofrece o espazo Adestra #NaCasa no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, promove a iniciativa Adestra #NaCasa, un espazo dentro da páxina web da propia Secretaría no que as federacións deportivas de Galicia amosan o seu traballo cos deportistas no período de confinamento. Esta ferramenta nace das reunións que o Goberno galego está a manter cos responsables do tecido deportivo galego sendo os técnicos do Centro de Tecnificación Deportiva os pioneiros no seu uso.

Deste xeito configúrase un repositorio de arquivos, documentos, ligazóns e material de diversa índole orientado ao adestramento na casa en tempos de confinamento. O obxecto deste espazo é axudar a todos os deportistas galegos neste período, así como optimizar os efectos positivos e minimizar os prexuízos da declaración do estado de alarma no eido deportivo.

Na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte pódense consultar a día de hoxe os plans de traballo para os deportistas das federacións galegas de atletismo, bádminton, balonmán, fútbol, karate, judo, loita, natación, piragüismo, remo, salvamento e socorrismo, taekwondo, tríatlon e péntatlon moderno, xadrez, ximnasia e vela. Ademais da planificación deportiva de cada federación durante o período de confinamento amosada con exercicios físicos para realizar na casa e vídeos explicativos, as federacións tamén achegan unha serie de pautas psicolóxicas a seguir na casa para non perder o ánimo e manter a concentración. Cómpre salientar o esforzo dalgunhas federacións que ademais do seu plan de adestramento achegan unha serie de exercicios a realizar na casa adaptados ao nivel de cada deportista. Tamén se achegan pautas nutricionais, recomendacións para alimentarse correctamente e consellos para facilitar a corentena.

Emisións na CRTVG

No marco do convenio establecido entre a Secretaría Xeral para o Deporte e a CRTVG “para o fomento do deporte base, feminino e alternativos”, e ante a excelente resposta dos técnicos do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e das distintas federacións deportivas, a canle emite a partir de hoxe imaxes de vídeo nas que os técnicos galegos indican as pautas que seguen os deportistas de alto nivel durante o confinamento. Ademais créase, dentro da programación da CRTVG, o microespazo Adestra #NaCasa no que se emitirán de modo íntegro estas pezas realizadas polos técnicos do CGTD e das federacións deportivas de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, valorou a boa resposta de federacións, clubs e deportistas ante o período de confinamento decretado polo estado de alarma polo coronavirus e destacou a importancia de ter “un espazo común ao que os deportistas de cada modalidade ou especialidade poidan referirse para manter o seu estado de forma físico e psicolóxico”. Do mesmo xeito, dixo o mandatario galego, Adestra #NaCasa é unha mostra do traballo continuado e a creatividade dos responsables do tecido deportivo de Galicia porque “ante a situación que estamos a vivir, o deporte galego non se para, aínda que quedemos na casa”.

Con respecto ao espazo televisivo para Adestra #NaCasa, o secretario xeral apuntou que deste xeito envíase á poboación galega en xeral e aos deportistas galegos en particular “unha mensaxe de optimismo co obxectivo de animar a que todos e todas nos manteñamos activos durante o confinamento”.

15 de abril de 2020 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.