publicidade hoxe

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia colabora co Servizo Galego de Saúde na realización dos tests diagnósticos do coronavirus

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lapasaga), dependente da Consellería do Medio Rural, está a colaborar co Hospital Universitario Lucus Augusti na realización dos tests diagnósticos para detectar o coronavirus. O Lapasaga está a realizar xa para o Servizo Galego de Saúde a fase de extracción de ácidos nucleicos das mostras que lle son enviadas dende o hospital lucense, ademais de poñer a punto o ensaio completo para dispor del cando reciba os kits de amplificación de PCR específicos do Covid-19, que xa foron solicitados. Así, o laboratorio poderá colaborar no diagnóstico coa área sanitaria de Lugo, pero tamén coa de Ourense e Ferrol.

En canto dispoña dos kits axeitados, o laboratorio dependente da Consellería do Medio Rural estará en disposición de realizar a técnica completa de diagnóstico dunhas 300 mostras diarias que, en caso necesario, poderían incrementarse progresivamente en función do persoal e os recursos dispoñibles. Cabe destacar que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia suma máis de 30 anos de servizo nos que se encargou, entre outras funcións, dos ensaios que permitiron a erradicación da brucelose, do control da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) e dos diagnósticos da lingua azul. En todos estes casos, realizáronse análises masivas sobre a cabana gandeira galega potencialmente afectada por cada enfermidade, chegándose a procesar ata 1.400 mostras de animais sacrificados en matadoiros en 12 horas durante a crise da EEB.

A situación actual de emerxencia sanitaria está a demandar a realización de múltiples análises diarias, como medida de contención do coronavirus. Os ensaios máis precisos realízanse mediante a técnica de PCR en tempo real. Precisamente o Lapasaga está deseñado para dar este tipo de respostas en enfermidades animais. Dispón dun cadro de persoal composto, entre outros, por 29 titulados superiores e 37 analistas e auxiliares de laboratorio, formados especificamente para este tipo de situacións.

O laboratorio dependente da Consellería do Medio Rural tamén conta cunha unidade de Bioloxía Molecular con todo o equipamento necesario para a realización das técnicas PCR en tempo real que se precisan para os ensaios do Covid-19. Ademais, dispón de tres zonas de nivel P3 de contención de seguridade biolóxica con capacidade para o manexo seguro de mostras de alta capacidade infecciosa.

No Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, situado en Lugo, intégranse tamén, nun sistema funcional de xestión único, os Laboratorios de Sanidade Animal de Mabegondo, na Coruña, e de Salcedo, en Pontevedra.

Na actualidade, os tres laboratorios dispoñen de infraestrutura, persoal cualificado e equipamento capaz de analizar centos ou miles de mostras diarias de calquera ensaio dispoñible. Outra das principais características destes laboratorios é a capacidade de adecuación inmediata dos seus recursos nunha única área, podendo triplicar ou cuadriplicar en 3 ou 4 días o número de ensaios necesarios.

31 de marzo de 2020 | 21:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.