publicidade hoxe

A Xunta reclama a reactivación inmediata da central térmica das Pontes e pide ao Goberno que se sume á unidade de acción de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Reunión da mesa de traballo para a transición enerxética

Reunión da mesa de traballo para a transición enerxética

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá en Madrid na mesa de traballo para impulsar unha transición enerxética xusta nas Pontes onde reclamou a reactivación inmediata da central térmica e que o Goberno se sume á unidade de acción de Galicia.

Conde lamentou que a situación, tras a reunión, sexa igual á de hai cinco meses ao non achegar nin o Goberno nin a empresa ningunha proposta ou alternativa. Pediu que o Executivo do Estado se sume á postura que comparten traballadores, Concello das Pontes e Deputación da Coruña para adoptar canto antes as medidas necesarias que permitan a Endesa reactivar a planta mentres non se atopan biocombustibles alternativos. “Nestes momentos non temos certezas nin sobre a reactivación da planta, nin sobre a situación na que as auxiliares e transportistas van poder desenvolver a súa actividade. Desde a Xunta seguiremos traballando para avanzar tanto na volta á actividade da central como nas probas que se están realizando con diferentes biocombustibles e trasladando a necesidade de poñer en marcha medidas concretas”, asegurou Conde.

Neste sentido, insistiu en que o peche non pode ser a resposta, xa que, con 1400MW a batería de España merece unha segunda vida, ao igual que as 750 familias que dependen dela e que precisan unha solución, tanto os traballadores da propia central, como das empresas auxiliares e do transporte.

Na reunión, a Xunta solicitou unha transición enerxética xusta e planificada que non deixe no camiño empresas e empregos e reiterou a necesidade de aprobar mecanismos fiscais como a eliminación do céntimo verde para o carbón, reclamar máis fondos á Unión Europea xa que España sae penalizada no reparto. Non se entende que no resto de Europa sigan operativas 142 centrais, que en países como Alemaña se manteñan en funcionamento ata 2038 e que en España sexa tan urxente o peche.

10 de marzo de 2020 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.