publicidade hoxe

A Xunta licita novos contidos para os tres vindeiros cursos en E-Dixgal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de licitar a contratación de novos contidos curriculares para a iniciativa do libro dixital, E-Dixgal, enmarcada no Proxecto Abalar. O pregos publicados hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, recollen unha dotación de ata 2 millóns de euros para prover dúas alternativas de contidos curriculares completos dos cursos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO, para os tres vindeiros anos.

Actualmente, os provedores destes contidos son Netex e Edebé, cuxo contrato remata a finais deste curso 2019/20, ademais de Pearson para os contidos da materia de Inglés e aulaPlaneta, ambos dispoñibles ata 2023.

Máis de 32.000 alumnos en E-Dixgal o vindeiro curso
A evolución de Abalar coa implantación da plataforma do libro dixital E-Dixgal permitiu que, a día de hoxe, 27.000 alumnos de 347 centros estuden con contidos dixitais.

Tras a convocatoria para adhesión de novos centros, publicada o pasado 20 de febreiro pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a previsión é incrementar en 75 os centros incorporados á iniciativa e superar os 32.000 alumnos estudando con libro dixital.

Máis contidos dixitais

Ademais dos contidos curriculares, a plataforma do libro dixital enriquécese cos contidos do repositorio Abalar, con máis de 3.500 recursos dispoñibles en 7 idiomas e cos da iniciativa Dixit, unha das últimas liñas da iniciativa do libro dixital, que une a creatividade do profesorado coas últimas tecnoloxías coa colaboración do ecosistema dixital. O vindeiro curso incrementaranse os contidos Dixit, que xa está a producir recursos innovadores para as materias de Matemáticas, Bioloxía e Xeología, Xeografía e Historia, Ciencias Sociais, Física e Química e Idiomas.

Aplicacións, redes sociais e soporte

A aplicación abalarMóbil, que facilita a relación entre familias, profesorado e centros conta xa con máis de 197.000 usuarios rexistrados e preto de 400.000 descargas desde a súa posta en marcha. O profesorado conta tamén cunha rede profesional, Redeiras, na que máis de 11.000 docentes comparte un espazo de comunicación e colaboración para intercambiar ideas, propostas, recursos, actividades e iniciativas.

Un dos últimos servizos incorporados á iniciativa E-Dixgal foi o Soporte Premium 24×7 para familias, alumnos, centros e profesorado que poden resolver calquera incidencia ou dúbida a través de diferentes canles (teléfono, e-mail, canles de mensaxería, técnicos in-situ, e a través dunha rede de 69 puntos físicos).

10 de marzo de 2020 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.