publicidade hoxe

A bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Xunta permitiu cubrir xa máis de 70 prazas en 31 concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta abriu esta semana a bolsa de contratación de auxiliares de Policía Local da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) aos municipios que non teñen delegadas no Goberno galego as competencias para seleccionar e formar aos seus policías locais e auxiliares. A Academia axilixou este sistema co obxectivo de que todos os municipios galegos poidan cubrir de forma urxente as prazas que precisen durante o Estado de Alarma como consecuencia da evolución do coronavirus.

Ata o momento, 31 concellos solicitaron acceder a esta bolsa de contratacións de auxiliares de policía local composta por 130 persoas, o que permitiu cubrir xa un total de 72 prazas ante a actual situación de crise sanitaria.

Dos 31 municipios que pediron facer uso desta listaxe, seis deles non teñen centralizados na Academia os seus procesos selectivos de policías locais e auxiliares. Trátase de Ares, As Pontes, Arteixo, Baiona, A Pobra de Trives e Burela, que xa contan con efectivos para cubrir os postos solicitados. Os 25 municipios restantes teñen asinado convenio de colaboración coa AGASP.

A Administración autonómica puxo a disposición de todos os concellos galegos esta bolsa de contratación para facilitar a cobertura de prazas de auxiliares de Policía Local das entidades locais que poidan precisar cubrilas durante o Estado de Alarma polo coronavirus.

O pasado luns esta bolsa abriuse aos 74 concellos con convenio coa AGASP para a centralización do proceso selectivo de policías locais e auxiliares e desde esta semana tamén está dispoñible ao resto dos municipios que non teñen delegadas na Xunta estas competencias.

Para poder facer uso desta listaxe, os concellos interesados só teñen que dirixir a súa petición directamente á AGASP no enderezo formacion.agasp@xunta.gal, indicando na súa solicitude que cumpre os requisitos esixidos e comunicando o número de prazas que solicita e o período da contratación. No momento en que se fagan efectivas as contratacións, os concellos teñen que comunicalas ao centro de coordinación da Delegación ou subdelegación de Goberno que corresponda.
De ser necesario ampliar esta bolsa de contratación, a Xunta poderá incluír na mesma a todas aquelas persoas que, tendo superado o proceso selectivo para a categoría de policía local, non obtiveran praza no último proceso selectivo convocado.

Por outra parte, para reforzar a atención durante o estado de alarma, os 134 alumnos da 12ª promoción de policías locais da AGASP foron enviados desde o pasado 16 de marzo aos seus concellos de destino. Os alumnos permanecerán nestes municipios ata que remate o estado de alarma e se reinicie a actividade lectiva. Por este motivo, a Academia, seguindo as instrucións das autoridades sanitarias, suspendeu as clases o pasado 13 de marzo e decidiu adiantar a parte práctica da formación.

31 de marzo de 2020 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.