publicidade hoxe

Preto de 13.000 galegos poden solicitar a súa praza en ‘Elixe Galicia’, o programa da Xunta de impulso ao turismo interno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Presentación programa "Galicia elixe Galicia"

Presentación programa “Galicia elixe Galicia”

Santiago de Compostela, 03 de febreiro de 2020.- Preto de 13.000 galegos poden solicitar desde hoxe a súa praza no programa da Xunta para o fomento do turismo interno Elixe Galicia, cuxa convocatoria publica o Diario Oficial de Galicia. Esta nova iniciativa permitirá mobilizar máis de 3,4M€ no sector turístico da Comunidade apostando pola calidade e a desestacionalización da oferta. Avanzouno esta mañá o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante a presentación desta iniciativa nun acto no que estivo acompañado por Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia; Cesáreo Pardal, presidente do Clúster Turismo de Galicia, e José Ramón Fernández, director xeral de Cntravel, a empresa galega adxudicataria do deseño e xestión do programa.

As 12.800 prazas incluídas en Elixe Galicia están dirixidas ao colectivo de mozos menores de 30 anos, familias con fillos menores de idade e pensionistas maiores de 55 anos. Cada un deles poderá optar a unha das catro modalidades coas que conta este proxecto: Vacacións en zonas costeiras, Rutas de Patrimonio Cultural, Rutas de Natureza e Estadías en Balnearios. O Goberno galego investirá un total de 1,4 millóns de euros para financiar o 40% do custo das estadías, mentres que os beneficiarios achegarán o 60% restante.

O titular de Cultura e Turismo explicou que este programa permitirá seguir avanzando no modelo turístico polo que aposta o Goberno galego, “baseado nas características de cada territorio” e poñendo en valor elementos como a nosa enogastronomía, a paisaxe, o termalismo, ou o patrimonio cultural co obxectivo de atraer visitantes a distintas zonas de Galicia durante todo o ano.

Salientou, ademais, que este proxecto “favorecerá a creación de emprego de calidade”, pois están implicadas entre 70 e 90 empresas galegas, e permitirá a dinamización económica de áreas rurais, estimulando a actividade turística en tempada media e baixa, e mellorando o coñecemento de Galicia por parte dos propios galegos. “Cremos que este programa poderá consolidarse como unha ferramenta clave para seguir dando pasos adiante na nosa folla de ruta”, subliñou Román Rodríguez.

Sorteo e adxudicación de prazas

Os interesados teñen un mes, desde o día de hoxe ata o 3 de marzo, para presentar as súas solicitudes de xeito telemático a través dos modelos normalizados incluídos na convocatoria en función de se se trata de mozos menores de 30 anos, familias con nenos ou pensionistas maiores de 55 anos. Ademais, poderán acudir a calquera axencia de viaxes da Comunidade para recibir información e asesoramento á hora de cumplimentar os impresos necesarios.

Na solicitude deberán escoller unha modalidade das catro dispoñibles e un período de entre os tres ofertados neste 2020, que se iniciarán tras a Semana Santa e ata 20 de xuño e que se retomarán, tras o verán, a partir do 11 de setembro e durante os meses seguintes. As viaxes realizaranse, maioritariamente, durante as fins e semana. Unha porcentaxe das prazas estará reservada a familias numerosas, persoas con discapacidade ou con baixos ingresos, algo que deberán especificar na súa solicitude. Os períodos exclúen os meses do verán e a Semana Santa co obxectivo de fomentar a actividade turística fóra da tempada alta.

Posteriormente, a asignación das prazas realizarase por sorteo atendendo aos distintos colectivos, modalidades e tempadas. Unha vez realizado o sorteo publicarase a resolución do mesmo entre finais do mes de marzo e comezos do mes de abril e os interesados deberán aboar o 20% da cantidade asignada en calquera axencia de viaxes nun prazo de tres días hábiles para formalizar a súa solicitude. A totalidade da praza deberá completarse 60 días antes do día fixado para o comezo da experiencia e, no caso das persoas que non resulten beneficiarias do sorteo, formarán parte dunha lista de agarda e terán a posibilidade de optar a prazas non cubertas polos beneficiarios xestionándoo directamente coas axencias de viaxes comercializadoras.

Programación completa nas catro provincias

A directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, repasou algúns dos emprazamentos e actividades que inclúen as distintas rutas. Así pois, no caso da modalidade de Rutas de Patrimonio Cultural, explicou que se trata dunha modalidade con estadías que terán unha duración de tres días con dúas noites, preferiblemente en fin de semana. Neste paquete turístico ofrécense 2.500 prazas nos anos 2020 e 2021 nun total de dez itinerarios que inclúen visitas a enclaves como a Torre de Hércules, o Souto da Retorta de Viveiro, declarado monumento natural, ou o Museo Pazo de Quiñones de León, en Vigo.

A segunda das categorías, Rutas de Natureza, disporá de 2.500 prazas cunha duración de tres días e dúas noites en 14 itinerarios que inclúen visitas a algunhas das paisaxes máis icónicas da nosa Comunidade como o Castro de Santa Trega ou as Fragas do Eume. Pola súa banda, a terceira das modalidades será a de Estadías en Balnearios, con 1.100 prazas que terán unha duración de cinco días e catro noites. Neste apartado inclúense un total de nove rutas a emprazamentos vencellados ao termalismo como a cidade de Ourense ou o Espazo natural da Lagoa de Cospeito.

Por último, a cuarta modalidade será a de Vacacións en Zonas Costeiras, con 6.700 prazas cunha duración de cinco días e catro noites nun total de oito itinerarios que incorporan, por exemplo, visitas aos acantilados de Loiba, ao faro de Punta Atalaia en Cervo ou o entorno da Xunqueira, en Vilanova de Arousa. “Trátase duna oferta completa que abrangue as catro provincias e que permitirá aos participantes gozar dos nosos principais reclamos turísticos”, engadiu Nava Castro.

Cifra récord no turismo interno

Román Rodríguez subliñou que Elixe Galicia supón “un paso máis” na aposta da Xunta pola desestacionalización da actividade turística en base a unha oferta centrada na calidade e a sustentabilidade. Neste sentido, lembrou que os esforzos do Goberno galego neste eido permitiron que o turismo interno pechase o ano 2019 acadando un máximo histórico, rexistrando máis de 3 millóns de pernoitas.

Do mesmo xeito, puntualizou que os últimos datos amosan como o peso desta actividade durante os meses do verán se reduciu notablemente en beneficio da tempada media e baixa.

3 de febreiro de 2020 | 15:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.