publicidade hoxe

O litoral galego pode beneficiarse de máis de 19 millóns de euros para proxectos que impulsen o seu desenvolvemento socioeconómico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, informou hoxe de que os oito grupos de acción local do sector pesqueiro de Galicia (GALP) se poden beneficiar de 19,2 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos de dinamización socioeconómica do litoral galego ao abeiro da convocatoria de axudas deste ano.

Así o sinalou durante unha visita a Conservas Faro de Burela, onde estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e onde coñeceu as melloras realizadas na trazabilidade e etiquetaxe dos seus produtos a través do GALP A Mariña-Ortegal. Unhas innovacións que foron obxecto de axuda da Xunta no marco da convocatoria de 2019.

Estas melloras introducidas pola empresa, subliñou a titular de Mar, son un claro exemplo dos froitos que dan os GALP. Neste caso, as achegas que a Xunta pon a disposición para os grupos e que están cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, axudan a Conservas Faro de Burela a impulsar a comercialización dos produtos pesqueiros coa introdución da pesaxe e etiquetaxe automática que lle permite mellorar os tempos de traballo e a trazabilidade do produto.

En relación á etiquetaxe a titular de Mar destacou a implicación desta empresa na inclusión social, xa que etiquetan en braille e cun código QR para enlazar o produto a unha descrición auditiva. Esta faceta de Conservas Faro de Burela súmase aos outros valores que a caracterizan, que son a tradición de empresa familiar, a innovación dos procesos e a calidade do produto elaborado e envasado de xeito artesanal. Deste xeito buscan alcanzar o posicionamento da marca no mercado de produtos pesqueiros gourmet e artesanais.

A subvención aprobada a esta empresa, engadiu Rosa Quintana, tamén contribúe a avanzar na súa faceta de elaboración artesanal das conservas coa mellora da súa promoción e coa implantación de medidas de seguridade. Estas medidas permítenlle avanzar en aspectos como a esterilización das conservas e as condicións de traballo.

Todo isto é unha mostra do que se pode conseguir a través dos GALP que cos seus proxectos promoven aspectos como a diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a creación de emprego nas zonas pesqueiras, o incremento de valor dos produtos do mar ou a innovación nas fases da súa cadea de subministración, entre outros.

De feito, sinalou a titular de Mar, nos últimos catro anos os preto de 450 proxectos aprobados xeraron máis de 1.900 empregos a tempo completo e supuxeron un incremento do valor engadido bruto de máis de 94 millóns de euros.

Rosa Quintana lembrou ademais que os GALP tamén poden optar a axudas para proxectos de cooperación interterritoriais e transnacionais. A través destas achegas, cofinanciadas con fondos europeos, a Xunta busca promover a suma de sinerxías entre os GALP para que accedan a información e novas ideas e aprendan doutros grupos, rexións ou países. Tamén busca favorecer e apoiar a innovación e adquirir destrezas e medios que permitan mellorar as súas estratexias de desenvolvemento local participativo. A elas destina 381.000 euros na convocatoria de 2020.

Conservas Faro de Burela depende do grupo Rodil Lozano e no seu traballo une a tradición e a calidade, pois os produtos que elabora son envasados de maneira artesanal e natural. Entre a súa oferta están os lombos, albóndegas, ventresca, migas e bocados de Bonito do Norte de Burela. Realizan a súa comercialización a través da venda online e tamén acudindo a exposicións, feiras e convencións. Para a implantación do sistema de trazabilidade e etiquetaxe de produtos pesqueiros recibiu unha axuda de preto de 9.000 euros a través do GALP da Mariña-Ortegal.

O CIMA de Ribadeo
Rosa Quintana continuou a súa axenda na Mariña coa visita á planta de cultivos mariños do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) en Ribadeo. Este organismo, dependente da Consellería do Mar, conta con outro centro en Vilanova de Arousa e a súa finalidade é a investigación orientada e aplicada co obxectivo de acadar unha xestión racional e eficaz dos recursos mariños. Tamén se ocupa da formación de novos investigadores e técnicos de laboratorio mediante bolsas. En concreto, o traballo que se desenvolve no CIMA de Ribadeo enmárcase na área de cultivo e aborda estudos orientados á produción de semente de diversas especies mariñas de interese marisqueiro.

3 de febreiro de 2020 | 15:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.