publicidade hoxe

Isabel Mancebo Portela presenta en Santiago de Compostela o libro “O coleccionista de cartas de amor”

Isabel Mancebo

Isabel Mancebo

O Pazo de San Roque (Santiago de Compostela) acolle este martes 4 de febreiro, ás 20.00 h, a presentación do libro “O coleccionista de cartas de amor”, da autoría de Isabel Mancebo Portela e  publicado por Edicións Fervenza.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, acompañarán á autora a filóloga, escritora e crítica literaria Ánxela Gracián, o novelista, dramaturgo e ensaísta Suso de Toro, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.

Así mesmo, tamén contaremos coa actuación musical de Malena e Gloria.

 O libro

Que pasaría se ousases dicir o que de verdade pensas? Nesta obra unha voz narrativa suxerente e audaz, chea de poesía e maldade, dálle voz a mulleres de nomes trabucados e a personaxes en crise.

Rotundamente da nosa terra, con esas certezas innegables e complicadas que faíscan en forma de lóstregos e case non dan tempo de velo todo, pero arrepían. Os inesperados xiros entretecidos do libro presentan un conxunto de relatos dos que fan meditar e perduran no padal da memoria.

Colaboracións 

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

 A autora 

Isabel M. Portela (Negreira, 1969) é filóloga e traballa en docencia, tradución  e xornalismo.

Na súa traxectoria, estudou na USC e en Oxford, onde foi cotradutora de Cousas de Castelao. Filla de emigrantes, viviu de pequena en Brasil e na mocidade no Reino Unido, onde traballou principalmente en revistas. O relato Manual de Mitoloxía da Fertilidade Moderna acadou o premio da segunda edición do Concurso de Relato curto da Asociación de Antigos Alumnos da USC.

Na actualidade vive en Santiago de Compostela e este é o seu primeiro libro de ficción.

3 de febreiro de 2020 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.