As axudas da Xunta de eficiencia enerxética na industria e servizos permitirán un aforro anual de 2,5M€ na factura
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá do programa de axudas para este ano a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos, no que se investirán 3,5M€ e que permitirá que ao redor de 100 beneficiarios aforren 2,5M€ nas súas facturas enerxéticas.
Os apoios están dirixidos a empresas e autónomos do sector da industria e dos servizos, así como a empresas de servizos enerxéticos para desenvolver proxectos de auditorías, implantación de sistemas de xestión e aforro e eficiencia enerxética. O obxectivo é mellorar a súa competitividade grazas á redución da factura de enerxía; así como promover a introdución da mellor tecnoloxía dispoñible.
A convocatoria, de concorrencia competitiva, estará aberta ata o vindeiro 20 de febreiro, e tramitarase por vía telemática. A contía da axuda será do 35% no caso das grandes empresas, do 45% para as medianas e do 50% no caso de pequenas compañías. Segundo os aforros enerxéticos previstos, os apoios poderán ir dos 100.000 euros ao millón. Con esta orde de axudas, está previsto mobilizar 9M€, reducir a emisión de CO2 anual en 8600 toneladas e xerar ao redor de 120 postos de traballo.
Tal e como explicou o director xeral, nos últimos sete anos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu, a través do Inega, un total de 1262 axudas para proxectos de aforro enerxético tanto no sector industrial como no agrícola e nos servizos, cun orzamento de 33M€ co que se mobilizaron 89M€, o que permitiu un aforro de enerxía equivalente ao consumo eléctrico anual de 94.000 fogares e unha redución de emisións anuais de CO2 semellante á acción de 4,3 millóns de árbores.
As tipoloxías de proxectos máis demandadas foron a renovación de maquinaria, a substitución da iluminación por tecnoloxía LED, a instalación de plantas fotovoltaicas de xeración eléctrica para autoconsumo ou a realización de auditorías enerxéticas, entre outras.
Plan de Mobilidade Eficiente
Con esta nova convocatoria a Xunta volve amosar o seu compromiso por promover unha cultura do aforro enerxético en todos os sectores para avanzar nunha Galicia máis verde. Neste sentido, o director xeral de Enerxía lembrou que tamén se acaba de abrir a nova convocatoria do Plan de Mobilidade Eficiente para favorecer a renovación de turismos e furgonetas con axudas dirixidas a particulares, autónomos e empresas.
As solicitudes serán tramitadas a través das entidades colaboradoras, que se poderán adherir desde hoxe, luns 3 de febreiro, e ao longo da vixencia do plan. O prazo de solicitude das axudas para os particulares, autónomos e empresas comezará o 21 de febreiro.
O plan contará cun orzamento global de 700.000 euros e a cifra dos apoios variará dependendo do volume de emisións do vehículo: desde os 2000 euros, con 1000 euros repartidos equitativamente entre Xunta e concesionarios, aos 2500 (1500 a Administración e 1000 os postos de venta). O requisito principal para participar neste programa será posuír un coche con máis dunha década de antigüidade, ou 5 anos no caso de furgonetas, propiedade do solicitante ou dun familiar de primeiro grado.
O novo vehículo adquirido deberá respectar unha serie de condicións, incluíndo contar cun prezo inferior aos 40.000 euros, e emitir un máximo de 120 gramos CO2/quilómetro no caso de turismos e furgonetas de ata 2500 quilogramos, e 185 gramos CO2/quilómetro para o resto de furgonetas. Os particulares poderán adquirir un único vehículo con axuda e as empresas ata 10.