publicidade hoxe

A Amtega abre o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá martes o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no DOG con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 2 de marzo e rematará o 24 de maio, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes.

Para acceder a esta actividade formativa os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición pode realizarse a través da web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles seguintes á publicación da convocatoria no DOG.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número de reservas. As persoas admitidas provisionalmente deberán aboar unha taxa de 10,63 euros correspondente aos dereitos de exame –ou presentar a documentación xustificativa da súa exención-, sendo excluídas aquelas persoas aspirantes que non formalicen a súa matriculación.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade e baseado na suite Libreoffice de oficina libre e código aberto:

• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

Próximas convocatorias de exames presenciais

Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2020, que terá a súa continuación cunha nova edición de exames presenciais libres para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios – ben pola súa experiencia no manexo destas aplicacións, pola formación adquirida por outras vías ou que opten pola modalidade autoformativa-, prevista para o primeiro semestre deste ano (no mes de marzo).

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 8.300 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (2.290 en cursos de teleformación titorizada e 6.050 en probas presenciais de acceso libre) e 3.812 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia despois de superar as probas convocadas nas aulas da rede CeMIT.

A Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica, CeMIT,, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e facilitar a dixitalización de pemes e micropemes.

3 de febreiro de 2020 | 15:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.