publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sanidade introducirá dous proxectos de realidade virtual para o recoñecemento do ictus e para reducir o estrés dos tratamentos de radioterapia

Jesús Vázquez na presentación do proxecto de realidade virtual

Jesús Vázquez na presentación do proxecto de realidade virtual

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou hoxe que o seu departamento está a traballar, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), en dúas ferramentas innovadoras de formación dos pacientes mediante a utilización da realidade virtual. Tal e como detallou o conselleiro, un dos proxectos céntrase no deseño e desenvolvemento dunha solución virtual para o recoñecemento do ictus, e o outro no adestramento virtual da respiración dos pacientes a tratamento de radioterapia. Ámbolos dous proxectos estarán dispoñibles en maio deste ano, dixo Almuiña.

A primeira das iniciativas, a relacionada co recoñecemento do ictus, facilitará a detección dos seus síntomas e permitirá aos pacientes recrear situacións reais e experimentar na súa propia pel os síntomas que producen esta enfermidade. Esta ferramenta tamén estará dispoñible para os profesionais sanitarios do Sergas co obxecto de facilitar a súa aprendizaxe na detección do ictus, así como do protocolo que se debe seguir en caso de que se presenten os citados síntomas.

Sinalar que a ferramenta poderá ser utilizada dende calquera dispositivo tecnolóxico, sendo fácil de usar, ademais de intuitiva e uniforme, sexa cal sexa o dispositivo con que se visualice. Constará dun menú principal e submenús que recollerán toda a sintomatoloxía recoñecida (perdida de forza, perdida de sensibilidade, alteración da fala, dor de cabeza, entre outros,) e cada un dos procesos dos órganos responsables que levan ao ictus. Entre os submenús estará un deles dedicado á mellora dos hábitos de vida.

O obxectivo principal será a concienciación da poboación en xeral así como dos profesionais sanitarios, que ante a dúbida, é necesario acudir aos servizos médicos. A aplicación permitirá ao usuario poder escoller dúas vías claramente marcadas, a dirixida á cidadanía e a destinada aos profesionais.

A aplicación contará, por defecto, cunha pestaña relativa ao protocolo a seguir no caso de que alguén estea a sufrir un ictus. Mediante esta opción, aparecerán en pantalla unhas mensaxes claras e concisas de como se debe actuar.

Adestramento da respiración

A segunda das ferramentas hoxe presentadas, a de adestramento virtual da respiración, axudará aos pacientes que teñen que someterse a tratamentos de radioterapia a reducir o estrés e ansiedade que producen este tipo de probas e a entrenar a respiración que deberán empregar durante o tratamento, explicando de modo sinxelo, a través de escenas virtuais, cales son cada un dos tipos de respiración para que a zona obxectivo estea o máis inmobilizada posible.

Para o entrenamento optarase por unha solución que guiará ao usuario para optimizar ou correxir o ritmo de respiración, dándolle instruccións específicas para a realización correcta da proba. A tal efecto, farase uso dos sensores de micrófono e outras tecnoloxías que incorporan os dispositivos de visualización (móbiles, ordenadores, etc.).

A aplicación poderá ser utilizada dende calquera dispositivo tecnolóxico e terá dous modos diferenciados, o formativo ou de entrenamento e o de diagnóstico.

Plan formativo dos profesionais da sanidade pública

Neste mesmo acto no que se presentaron os dous proxectos innovadores, Sanidade deu a coñecer o Plan formativo, para o presente ano, dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, que tal e como destacou o conselleiro foi aprobado polo Consello de Formación composto por membros do Sergas, polas organizacións sindicais e por ACIS. Segundo Almuiña, o plan incrementa o número de prazas e amplía o número de actividades formativas, posto que ten previstas máis de 600, nas modalidades de presencial, mixta, teleformación e autoformación.

A modalidade de autoformación merece unha especial mención, -dixo o conselleiro-, xa que permite satisfacer a elevada demanda existente, e, deste xeito, os profesionais poderá acceder aos contidos formativos as 24 horas do día, os 365 días do ano.

21 de xaneiro de 2020 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.