publicidade hoxe

O Consello de Avaliación Documental de Galicia aproba a eliminación de máis de 4000 unidades de instalación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, participaron esta mañá na Cidade da Cultura na sexta reunión do Consello de Avaliación Documental de Galicia, un ente que ten por obxectivo favorecer a xestión eficiente do sistema arquivístico da Comunidade.

A xuntanza contou coa participación de representantes dos diferentes arquivos existentes en Galicia e nela aprobouse a eliminación de 4213 unidades de instalación da Administración autonómica tras a súa valoración técnica. Ademais, no marco deste encontro, informáronse favorablemente sete propostas de avaliación de series documentais pertencentes a administracións locais e á Administración autonómica. Tamén se dictaminaron de forma favorable outras sete propostas de eliminación de documentos procedentes da Administración Autonómica.

Deste xeito estase a cumprir co procedemento requirido para proceder á eliminación documental dentro da Administración e garántese que a eliminación física de calquera documento cumpra coas esixencias recollidas na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, así como no Decreto 15/2016, do 14 de xaneiro, polo que se regula a composición e funcionamento do Consello de Avaliación Documental de Galicia e o procedemento de avaliación e selección de documentos.

Trátase de documentación que na súa maioría se atopa no depósito da Consellería de Cultura e Turismo, se ben, tamén se eliminará documentación doutras unidades. Isto permitirá xerar espazo para acoller transferencias de nova documentación respecto dos servizos centrais da Xunta de Galicia, e nos arquivos territoriais de Pontevedra e Lugo.

21 de xaneiro de 2020 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.