publicidade hoxe

Medio Ambiente facilitará aos concellos axudas para impulsar a rede de preparación para a reutilización e reparación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaValga
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que no primeiro trimestre se procederá á convocatoria de axudas, dirixidas aos concellos, para impulsar a Rede de preparación para a reutilización e reparación, a denominada “Rede PxR”.

A conselleira recordou que se trata dunha das medidas que se impulsa desde a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para colaborar coas entidades locais para mellorar a xestión dos residuos urbanos. O importe que destinará a Xunta ao longo de 2020 elévase a 2,6 millóns de euros, o que supón 1,2 millóns de euros máis que no ano anterior, para un paquete de medidas que impulse a mellora na prevención e xestión dos residuos.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá o Centro Ocupacional de Discapacitados de Valga, onde se puxo en marcha un proxecto piloto para a creación dunha rede galega de preparación para a reutilización e reparación de aparellos; e o que é máis importante, converteuse nun exemplo de servizo público de prevención da xeración de residuos domésticos, priorizando a autorreparación e a educación sustentable, incrementando a eficiencia dos recursos, na liña do que impulsa a economía circular.

Neste centro concreto, implantouse un espazo de reparación con tres áreas: mobles de madeira, materiais téxtiles e pequenos electrodomésticos, ao tempo que se creou un punto de intercambio gratuíto de bens de segunda man entre os usuarios; é dicir, procurouse unha nova vida para os aparellos e obxectos domésticos, reducindo a xeración de residuos.

En definitiva- explicou Ángeles Vázquez, o CODI de Valga avanza no camiño que se debuxou coa posta en marcha coa Rede Galega de Preparación para a Reutilización e Reparación ou Rede PxR, construír en Galicia un espazo de intercambio de coñecementos e experiencias que permita o desenvolvemento de proxectos colaborativos dirixidos á preparación para a reutilización. O obxectivo último é darlle una segunda vida aos obxectos e materiais domésticos e xerar menos residuos, defendeu.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que tamén se puxo en marcha unha páxina web (mellorrepararquetirar.gal) para facilitar á cidadanía en xeral información sobre a localización de establecementos ou servizos onde se realizan actividades de preparación para a reutilización e reparación ou reciclaxe, como o arranxo de bicicletas ou de roupa, labores de carpintería, reparación de electrodomésticos, puntos limpos… e no que tamén se inclúe información e vídeos explicativos sobre reparacións que pode abordar cada galego no seu fogar.

Por último, agradeceu o seu traballo ao CODI de Valga, pois as súas actividades visualización a importancia de transitar cara o modelo de economía circular, baseado no criterio multierre: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar, recuperar; fronte ao caduco modelo lineal de producir-usar-tirar, que consume grandes cantidades de recursos que, ao acabar a súa vida útil, se converten en residuos cun importante impacto ambiental.

21 de xaneiro de 2020 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.