publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia aumentará a potencia eólica instalada en máis dun 15%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe en rolda de prensa, que Galicia aumentará entre 2019 e 2020 a súa potencia instalada nun 15,2% grazas ao impulso que supuxo para este sector a Lei de implantación empresarial, que entrou en vigor a finais de 2017.

Durante a súa intervención, e logo de avaliar o informe presentado hoxe no Consello da Xunta sobre o balance do sector nos últimos anos, Feijóo subliñou que ao longo deste ano poderían entrar en funcionamento: outros seis parques eólicos; e unha repotenciación que suporía un incremento de 143 megavatios, co que Galicia chegaría a preto de 4.000 megavatios de potencia eólica en 187 parques.

O titular da Xunta aseverou que o compromiso do Goberno galego co fomento das enerxías renovables e co obxectivo de contar cunha Galicia cada vez máis verde está a permitir que o sector eólico estea de novo en alza na nosa Comunidade, como demostran os datos. Non en van, desde 2009 puxéronse en marcha 42 proxectos de parques eólicos cun incremento de 671 megavatios novos de potencia en funcionamento, dos que o 58% corresponde á anualidade de 2019.

Segundo aseverou, esta situación é o resultado da combinación de varios factores, entre os que destacou o novo marco normativo que estableceu a Xunta a través da Lei de implantación empresarial e que permitiu: a creación da declaración de especial interese para dotar dunha maior axilidade aos proxectos sen perder as máximas garantías urbanísticas, técnicas e ambientais; a creación dun Rexistro eólico; e a simplificación e racionalización do procedemento.

Así mesmo, Feijóo referiuse á aprobación das Directrices Enerxéticas de Galicia, a ferramenta de planificación da Comunidade en materia de enerxía. E, por último, Galicia soubo aproveitar a oportunidade que supuxeron as poxas de renovables promovidas polo Goberno de Mariano Rajoy. Por iso, unha das prioridades marcadas pola Xunta para o novo Executivo será a convocatoria de novas poxas de renovables que permitan garantir o impulso deste sector e facilitar unha verdadeira transición enerxética xusta e ordenada.

O presidente da Xunta incidiu en que a execución destes proxectos permitirá impulsar a enerxía eólica en Galicia, supoñendo un novo avance no desenvolvemento deste tipo de enerxías e un paso máis na redución da dependencia de fontes de enerxía contaminantes, como os combustibles fósiles.

16 de xaneiro de 2020 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.