publicidade hoxe

Feijóo confirma a aplicación xa dos incrementos salariais específicos na nómina de xaneiro dos empregados públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego en rolda de prensa

O presidente galego en rolda de prensa

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que a Xunta aplicará xa na nómina de xaneiro dos empregados públicos as subas retributivas específicas que foron pactadas coas organizacións sindicais, e afirmou tamén que a suba xeral do 2% farase efectiva en canto o autorice o Goberno central.

Sobre este segundo punto, Feijóo recordou que a suba xeral correspóndese co incremento salarial acordado en 2018 polo Goberno de Mariano Rajoy coas organizacións sindicais CSIF, UGT e CC.OO., e que a Xunta incorporou no Acordo de Concertación Social asinado en xaneiro de 2019 cos sindicatos UXT e CC.OO de Galicia.

Así mesmo, aseverou que esta suba xeral beneficiará a todos os traballadores da Administración autonómica e terá efectos desde o 1 de xaneiro, polo cal xa está sendo devindicada polos empregados públicos galegos.

Ademais desta mellora salarial, o responsable do Executivo galego explicou que a Xunta tamén fará efectivas neste mes de xaneiro outras melloras salariais de ámbito sectorial que son resultado da negociación colectiva e que proceden de distintos acordos asinados coas organizacións sindicais durante o período de recuperación económica.

Estes acordos xa se comezaron a aplicar en exercicios anteriores e teñen prevista unha anualidade de incremento no ano 2020. Así, a Administración autonómica aplicará na nómina deste mes as melloras salariais correspondentes á aplicación do réxime de carreira profesional do Servizo Galego de Saúde e da Administración Xeral.

En concreto, no ámbito do Sergas incrementarase ata o 100% o importe correspondente á carreira profesional, o que supón un aumento anual de entre 1.227,84 euros e 305,94 euros, en función da categoría á que pertence o persoal sanitario.

Cómpre subliñar que, na actualidade, máis de 20.500 traballadores do Sergas teñen recoñecido algún dos catro graos da carreira profesional.

Tamén na sanidade pública, a nómina de xaneiro recollerá igualmente as retribucións adicionais do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC), tanto do persoal médico coma do persoal de enfermería. Estes incrementos foron pactados en xullo de 2019 e inclúen subas en conceptos de nocturnidade, festividade e xornada complementaria.

Desde a nómina de xaneiro tamén se incrementará o importe do complemento de carreira profesional na Administración Xeral, a cuxo réxime extraordinario xa están acollidos máis de 11.500 empregados públicos.

Sobre este punto, Feijóo precisou que o incremento en termos anuais vai dos 822,3 euros aos 382,2 euros, en función do subgrupo ao que pertence o empregado público.

No que atinxe ao ensino público, confirmou tamén que a nómina do primeiro mes do ano incluirá o incremento do complemento específico ao persoal docente, o que supón un incremento anual de 350 euros para uns 30.000 empregados públicos.

No ámbito da Xustiza, a suba recollerá a última fase do acordo sindical adoptado no mes de maio de 2018 e que establece para 2020 un incremento salarial anual de entre 344,4 e 300 euros, en función do tipo de corpo, e beneficiará a uns 2.800 empregados públicos.

En canto aos axentes forestais e medioambientais, resaltou que o acordo subscrito con estes colectivos –que se vén aplicando desde o 1 de xaneiro de 2018– suporá un incremento salarial anual de entre 865,6 euros e 716,5 euros e beneficia a uns 500 traballadores.

Tamén neste 2020 faise efectiva a anualidade correspondente ao acordo asinado en 2017 para a equiparación das condicións retributivas do persoal do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar co persoal laboral da Xunta de Galicia, o que implicará un incremento salarial anual de entre 1.268,8 e 812,9 euros e beneficiará a máis de 2.000 empregados públicos.

“En resumo, todos estes empregados públicos e as súas familias percibirán unha mellora retributiva xa no mes de xaneiro, que se estenderá paulatinamente ata completar estas cantidades durante todo o ano 2020, ao que hai que sumar o 2% previsto na Lei de presupostos da Comunidade Autonóma”, dixo, recordando que a Xunta ten 87.000 empregados públicos, e que os gastos de persoal medran este ano en 140 millóns de euros e, por primeira vez, superan os 4.000 millóns de euros.

16 de xaneiro de 2020 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.