publicidade hoxe

Comeza a obra de demolición da lavandería e central térmica do antigo Hospital Xeral de Lugo, na que inviste 302.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Sanidade inicia hoxe, coa sinatura da acta de replanteo, a obra de demolición da lavandería e da central térmica do antigo Hospital Xeral de Lugo, traballos que contan cun orzamento de 301.827 euros.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) encargou á empresa pública Tragsa a execución destes traballos que teñen un prazo de execución de tres meses e que comezarán, no día de mañá, co baleirado dos inmobles e o valado de seguridade.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que o obxectivo final é liberar un espazo que será o ocupado pola futura central de biomasa que servirá para atender as necesidades enerxéticas dos novos edificios proxectados pola Xunta no Barrio da Residencia: o centro integral de saúde, a nova residencia para persoas maiores, a aceleradora aeronáutica e a oficina de emprego e formación.

Unha vez feito o baleirado dos edificios, o plan de traballo contempla a demolición completa das estruturas, retirada de depósitos de fuel, e escavación e demolición da cimentación, isto é medidas similares ás executadas no espazo que ocupaba o vello Hospital Xeral.

As dúas edificacións a demoler datan dos anos 70 e sitúanse na esquina suroeste da parcela da antiga Residencia, na confluencia entre as rúas Serra de Outes e Orquídea. A súa eliminación favorecerá o enlace urbanístico da parcela co barrio, dado que a futura central de biomasa irá soterrada e terá o menor impacto posible na contorna.

Características dos edificios

A central térmica ocupaba un edificio de volume cúbico de dimensións en planta de 13×17 metros e unha altura libre interior de máis de sete metros. A fachada principal ábrese a un amplo espazo exterior onde hai soterrados dous grandes depósitos de fuel de 75.000 metros cúbicos.

O edificio da lavandería do antigo hospital ten dúas plantas sobre rasante, cada una de 14×32 metros. Outro pequeno volume dunha soa planta -de 5×10 metros- alberga un centro de transformación adosado ao principal polo lado norte.

Finalizada a demolición do antigo Hospital Xeral

Tamén hoxe está prevista a sinatura da acta de recepción da obras de demolición do antigo Hospital Xeral, polo que a obra se considera finalizada. O investimento realizado nestas actuación superou os 3,2 millóns de euros e supuxo actuar nunha superficie construída de 20.133 metros cadrados, incluída as edificacións auxiliares.

Os traballos previos de demolición do antigo hospital comezaron a finais do ano 2018, e a eliminación da estrutura do edificio rematou en setembro de 2019. As seguintes semanas estiveron centradas no desentullo e en obras de adaptación do terreo sobre o que se asentaba o vello Hospital Xeral.

As instalacións do antigo Hospital Xeral de Lugo, situadas no barrio da Residencia, atopábanse en desuso tras a posta en marcha do Hospital Lucus Augusti. A súa demolición fixo posible liberar os espazos nos que a Xunta ten previsto desenvolver unha residencia para maiores, con 120 prazas públicas.

21 de xaneiro de 2020 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.