publicidade hoxe

A Xunta suma unha nova forza para a celebración do Xacobeo 21 co patrocinio de Husqvarna

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+
Sinatura do convenio de colaboración

Sinatura do convenio de colaboración

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director xeral de Internaco, representante oficial de Husqvarna en España e Portugal, Juan Ferro, asinaron hoxe na Cidade da Cultura un acordo de patrocinio con motivo da celebración do Xacobeo 21. Trátase dun convenio dotado con 550.000 euros que permitirá poñer en marcha actividades vinculadas co vindeiro Ano Santo.

No transcurso do acto, o titular de Cultura e Turismo agradeceu a implicación desta empresa no gran reto que supón o Xacobeo 21. “O Ano Santo é unha oportunidade para abrirnos a Europa e impulsar a marca Galicia en todo o mundo. Para conseguir este obxectivo e asumir o importante reto que supón precisamos rodearnos dos mellores”, afirmou Román Rodríguez quen celebrou “o compromiso e a aposta de Husqvarna coa nosa terra”.

Román Rodríguez tamén destacou e agradeceu o compromiso de todo o tecido empresarial coa celebración do vindeiro Xacobeo, un evento que esta semana se dará a coñecer en Fitur. Nesta liña, precisou que ata o momento a Xunta de Galicia xa conseguiu captar preto de 8 millóns de euros grazas ao sistema de patrocinios e tras asinar acordos con algunhas das empresas máis recoñecidas de Galicia e España. “Estamos convencidos de que estas colaboracións, así como as que se unan no futuro, nos permitirán celebrar un Xacobeo do que todos os galegos se sintan parte e que, ao mesmo tempo, sirva de impulso para construír unha Galicia mellor para nós e para as futuras xeracións”, subliñou.

Pola súa parte, Juan Ferro, director xeral de Internaco, sinalou que o Camiño de Santiago “é sinónimo de natureza e o seu coidado e conservación constitúe unha tarefa na que estamos orgullosos de participar, na medida na que a nosa actividade está orientada precisamente a dotación de equipos axeitados para abordar estes coidados, coa perspectiva de mellora continua e de incorporación das últimas novidades tecnolóxicas que permitan realizar estas tarefas non só de xeito eficaz, senón tamén sustentable”.

Neste sentido, Juan Ferro sinalou tamén que o coidado do medioambiente forma parte do ADN de Husqvarna desde o inicio da súa actividade. Trátase dun compromiso que cobra agora un novo sentido ao vincularse ao Xacobeo 21 e ao Camiño de Santiago, cos que comparte valores. “Que pode haber máis sustentable que o Camiño de Santiago, que tantos séculos levan percorrendo peregrinos de toda Europa? Definitivamente, este é o camiño que queremos percorrer”, declarou.

20 de xaneiro de 2020 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.