publicidade hoxe

A Xunta mantén abertas as axudas do Bono Eléctrico galego que garanten a subministración nos fogares con máis dificultades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou esta mañá das axudas do Bono Social Eléctrico para evitar os cortes de subministración nos fogares con máis dificultades, cuxo prazo de solicitude para este ano xa está aberto, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Xunta destina 1,3 millóns de euros á nova convocatoria de 2020, orzamento idéntico ao do ano pasado e que será ampliado no caso de ser necesario.

Tal e como explicou o director, os apoios están dirixidos a consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social co obxectivo de asegurar a este colectivo o acceso continuado á subministración de enerxía eléctrica en Galicia. Para acceder a estas axudas, os solicitantes deben ser persoas residentes en Galicia e titulares dun servizo de subministración eléctrica que teñan contratada a tarifa de último recurso e sexan consumidores vulnerables severos (por tanto beneficiarios do bono social estatal cun 40% de desconto) e estean en risco de exclusión social, termo que deberá ser acreditado mediante informe expedido polos servizos sociais.

Os apoios, que se outorgarán por concorrencia non competitiva a todos cantos cumpran os requisitos, serán dun 50% da factura eléctrica correspondente á vivenda habitual do solicitante e terán unha contía máxima anual de 300 ou 450 euros -no caso de familias numerosas-. Esta cantidade, unida ás axudas estatais, permitirá que as familias con máis dificultades non teñan que pagar pola súa factura eléctrica, garantindo, deste xeito, o acceso continuado á subministración nos fogares máis vulnerables e dando resposta a unha necesidade básica dos cidadáns, pois non se lles poderá cortar o servizo mentres sexan beneficiarios desta axuda.

A presentación de solicitudes será preferentemente telemática e para dar axilidade ao procedemento, establécese un prazo máximo dun mes desde a presentación da solicitude ata a súa resolución, polo que unha vez que se comprobe que se cumpren os requisitos, realizarase o pago por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria directamente aos comercializadores de referencia cos que se renovou o protocolo de colaboración para todo este ano 2020 -Iberdrola, EDP, Endesa, CHC, Viesgo e Gas&Power-. Este pago realizarase de xeito mensual, segundo se vaian remitindo as facturas.

A través desta orde de axudas en 2019 aprobáronse máis de 3900 apoios -o 17% a familias numerosas- por un importe de 1,27M€.

Con esta liña de axudas, adaptada á normativa estatal, a Xunta segue fiel ao seu compromiso coas familias máis desfavorecidas que non contan coa posibilidade de facer fronte ás súas facturas eléctricas. Asegúrase, así, o acceso a unha necesidade tan básica como é a enerxía eléctrica, garantindo que non se produzan cortes no servizo, xa que a normativa estatal establece que os puntos de subministración deste tipo de beneficiarios serán considerados esenciais e, polo tanto, non se lles poderá cortar sempre e cando exista o oportuno convenio entre a Administración autonómica e as comercializadoras. Galicia xa foi pioneira nesta liña de axudas no ano 2018, cando se atenderon 1432 solicitudes.

Para máis información con respecto a estes apoios, a Xunta pon a disposición dos cidadáns o teléfono gratuíto de atención 900231123, ademais do asesoramento que se presta nas oficinas de Consumo da Comunidade.

27 de xaneiro de 2020 | 16:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.