publicidade hoxe

A Xunta convocará no primeiro trimestre de 2020 todas as axudas dispoñibles en materia de vivenda por valor de máis de 34 M€ e que beneficiarán a 6.000 familias

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a convocatoria no primeiro trimestre de 2020 de todos os programas e liñas de actuación en materia de vivenda, por valor de máis de 34 millóns de euros e que beneficiarán a 6.000 familias. A contía supón un incremento dun 11% con respecto á de 2019.

Máis polo miúdo, esta mesma semana convocaranse as axudas dirixidas á adquisición de vivenda, tanto para menores de 35 anos en concellos de menos de 5.000 habitantes, como as que están destinadas a centros históricos. E, ao longo do mes de febreiro e marzo convocaranse as ordes de apoio á rehabilitación de vivendas, entre as que destacan o Rehaluga, ás Áreas de Rehabilitación Integral, o Programa de infravivenda, o Programa de vivendas de mestres e as axudas de promoción de vivendas para o alugueiro e para o alugueiro por persoas maiores e con discapacidade.

Ademais, como novidade e co obxectivo de facilitar aos cidadáns un mellor coñecemento das axudas convocadas, o titular da Xunta afirmou que estas agruparanse nun mesmo texto, é dicir, convocaranse axudas dun mesmo grupo na mesma convocatoria, precisou.

Despois dun percorrido esta mañá pola senda peonil de Cabana de Bergantiños e de visitar obras de rehabilitación das antigas vivendas de mestres para vivendas de aluguer, Feijóo precisou que grazas ás tres convocatorias do programa de vivendas de mestres, xa se rehabilitaron 87 vivendas en 32 concellos, cun investimento de 3,3 millóns; e este ano, ao longo de febreiro e marzo, tamén se destinarán 2,38 millóns neste eido, o que supón un 48% máis que en 2019, cando se destinaron 1,6 millóns.

Estas vivendas adxudicaranse en réxime de aluguer con condicións vantaxosas a unidades de convivencia que non superen o IPREM para garantir que as axudas públicas redunden en quen máis as necesita. E para a concesión da axuda de rehabilitación será necesario que o concello teña veciños inscritos no Rexistro único de demandantes de Galicia, sendo o concello o que determine os adxudicatarios que cumpran os requisitos establecidos.

Cómpre subliñar tamén que, desde 2019 é obrigatorio que as vivendas rehabilitadas con estas axudas se inclúan no Programa de vivendas baleiras da Xunta para impulsar a adhesión dos concellos a esta iniciativa; e os adxudicatarios poderán acceder ao bono de aluguer social se cumpren os requisitos.

Feijóo concluíu incidindo na aposta do Goberno galego pola rehabilitación e recuperación do xa construído para revitalizar as áreas rurais e urbanas e preservar así a nosa identidade. Ao respecto, referiuse ao edificio con seis antigas vivendas de mestres neste concello de Cabana de Bergantiños e que xa está a ser rehabilitado para convertelo nunha vivenda en aluguer con condicións vantaxosas, como un exemplo máis dese compromiso, ao que tamén se une a construción dunha senda peonil na parroquia de Cesullas, financiada pola Xunta e que permitiu eliminar barreiras para que todo o mundo poida transitar por ela.

27 de xaneiro de 2020 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.