publicidade hoxe

A Xunta convoca 13 millóns de euros en axudas para accións silvícolas de prevención

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde de axudas da Consellería do Medio Rural por valor de 13 millóns de euros destinadas a levar a cabo accións silvícolas nos montes galegos. Por unha banda, quérese incidir na prevención dos danos causados polos incendios ou desastres naturais, e por outra, incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais da comunidade. As achegas convocadas para este exercicio de 2020 estarán cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

A orde que publica hoxe o DOG consta de dúas liñas de axudas para realizar tratamentos silvícolas. A primeira, dotada con nove millóns de euros, busca promover prácticas como rozas, desmestas, rareos e podas co obxectivo de previr os incendios. A segunda, cun orzamento de catro millóns, persegue incrementar os valores ecolóxicos dos montes que non teñan carácter produtivo a través de rareos, desmestas, podas ou rozas, pero tamén de plantacións puntuais de determinadas árbores.

Os beneficiarios destas achegas poden ser sociedades de fomento forestal (Sofor), propietarios particulares, agrupacións de propietarios inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta, cooperativas agrarias e proindivisos. Tamén poden solicitar as axudas os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, comunidades de bens, entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

Entre as actuacións subvencionables recóllense as rozas, as podas e os rareos que contemplan o aproveitamento dos restos de coníferas como biomasa, os tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras, e a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiros. Entre as novidades, nesta convocatoria darase prioridade ás accións en zonas afectadas polo nematodo, reduciranse os requisitos de superficie mínima de actuación e as empresas contratadas deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

Trátase da quinta convocatoria de axudas para accións silvícolas no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. As catro anteriores aglutinaron case 1700 beneficiarios que recibiron preto de 43,5 millóns de euros en axudas para actuar en máis de 24.000 hectáreas de monte galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días hábiles a contar dende mañá, día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

27 de xaneiro de 2020 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.