publicidade hoxe

A Xunta comproba in situ a afectación da rata toupa declarada polos afectados para determinar as medidas a levar a cabo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural desprazou hoxe varios técnicos ata os concellos nos que se rexistrou a presenza da rata toupa para comprobar sobre o terreo a afectación comunicada polos propios agricultores e gandeiros da zona, que cifraban en 1629,63 hectáreas a superficie con presenza deste animal, nun total de 2995 parcelas.

O obxectivo desta avaliación é poder decidir as posibles medidas a adoptar, sempre de acordo coa normativa vixente. É preciso actuar coa máxima prudencia e cautela á hora de tomar as decisións oportunas, co fin de non danar a flora e fauna nestes concellos, que son os das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

A partir de agora volverán manterse reunións cos afectados para consensuar as medidas a aplicar, sempre compatibles coa actividade gandeira e co medio ambiente. Nun primeiro momento, os propios afectados trasladaron á Xunta que as medidas a levar a cabo non terían efecto en períodos de choiva nin de neve, unhas condicións que, como é sabido, viñéronse dando desde novembro de 2019 ata practicamente finais do pasado ano.

Neste senso, cabe lembrar que o persoal da Xunta xa traballou sobre o terreo en novembro pasado. Naquel momento, os gandeiros e agricultores afectados comprometéronse a trasladar os datos da incidencia despois da ponte da Constitución. Posteriormente, eles mesmos solicitaron que se ampliase ese prazo de declaración, algo que a Consellería aceptou, prolongándoo ata despois da festividade de Reis.

21 de xaneiro de 2020 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.