publicidade hoxe

A Xunta abre o prazo de solicitudes para os obradoiros duais e para o novo programa para facilitar a contratación de menores de 30 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, anunciou esta mañá en Betanzos que o vindeiro mércores, 22 de xaneiro, abrirá o prazo de solicitude da nova orde de axudas de formación e aprendizaxe para menores de 30 anos; e o xoves, 23 de xaneiro, a terceira edición dos obradoiros duais de emprego, convocatorias que se publicarán no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta semana e que teñen como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes e facilitar a súa inserción no mercado laboral.

A Xunta ofrece este ano un novo programa destinado a menores de 30 anos no que se investirán 7M€ para que as entidades locais poidan desenvolver iniciativas de formación e aprendizaxe acompañadas dun contrato de traballo en empresas do sector, cunha duración total de 18 meses. Agárdase apoiar 20 proxectos e chegar a 300 mozos e mozas desempregados.

A iniciativa complementa aos obradoiros duais que este ano celebran a súa terceira edición para a que contarán cunha dotación de 23,2M€, o que supón un incremento do 10% con respecto ao ano pasado. A medida, un programa mixto de emprego e formación mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral, ten como obxectivo apoiar 66 proxectos e beneficiar a máis de 1400 persoas desempregadas.

Casal realizou estes anuncios durante a visita ao obradoiro Emprendendo, impulsado polos concellos de Abegondo, Betanzos, Carral, Coirós e Paderne no que participan un total de 16 alumnos das especialidades de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e de Promoción turística local e información ao visitante. Durante os cursos, os participantes realizarán traballos de mantemento e condicionamento no parque Pablo Iglesias; de organización do punto de información turística e no museo das Mariñas; ou o deseño turístico dos cinco concellos, entre outras actuacións.

Na súa intervención, o director xeral destacou o novo modelo de formación para o emprego, dual e flexible, polo que está apostando a Xunta e que conta coa participación das propias empresas e concellos. Neste sentido, todas estas accións enmárcanse no Plan galego de formación para o emprego que ten como obxectivo contar cunha Galicia máis preparada grazas a un programa que ofrecerá máis de 3000 cursos ata 2021 para chegar a 35.500 galegos e galegas.

20 de xaneiro de 2020 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.