publicidade hoxe

Ovidio Rodeiro destaca a aposta da Xunta por Ferrolterra cun investimento de máis de 97 millóns de euros nos principais programas e actuacións de 2018 e 2019

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Ovidio Rodeiro en rolda de prensa

Ovidio Rodeiro en rolda de prensa

O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, e o seu equipo de xefes territoriais da Xunta de Galicia da provincia mantiveron, esta mañá, un encontro de traballo na Delegación da Xunta de Ferrol. O motivo do encontro, segundo apuntou o representante do Goberno autonómico, foi “trasladar ao territorio o noso traballo e dedicar a esta comarca unha xornada monográfica para analizar o que se fixo, o que estamos facendo e o que imos facer nesta área de Ferrolterra (Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, As Somozas, Valdoviño e Vilarmaior)

Neste senso, Rodeiro recalcou que “estas xornadas, que se van repetir de forma periódica, teñen como obxectivo estar preto de aqueles asuntos que son de interese para os alcaldes e os veciños e, no caso de que fose preciso, coñecelos de primeira man”.

Neste primeiro encontro fíxose un balance dos principais investimentos e programas da Xunta na comarca no 2018 e no que levamos de 2019 e repasáronse algúns dos proxectos de futuro comprometidos pola Xunta para esta área.

Ovidio Rodeiro informou que nos principais programas, axudas e investimentos en Ferrolterra a Xunta leva investidos máis de 97 millóns de euros entre 2018 e 2019. Ademais, recalcou que “a creación de emprego, a prestacións de servizos sociais de calidade e a mellora das infraestruturas son as prioridades do goberno galego en Ferrolterra”.

Ovidio Rodeiro fixo un detallado repaso polos programas que a Xunta de Galicia reforza en Ferrol tendo en conta que a taxa de paro do Concello de Ferrol é a máis alta das cidades de galegas polos permanentes ataques do Goberno Central a esta comarca. Ante as incertezas a nivel estatal dende o Goberno autonómico destínase no 2019-2020 ao redor de 5 millóns de euros a programas de formación para desempregados (1.151 prazas – 3,7 millóns de euros) e incentivos á contratación (161 novos contratos subvencionados – 1,3 millóns de euros)

O delegado territorial tamén informou do esforzo económico que se realiza no eido social para atender as necesidades das persoas que peor o están pasando. Aínda que esta é unha competencia dos concellos o apoio da Xunta é fundamental para que se poida atender a todas as persoas que peor o están pasando. Concretamente, referiuse aos máis de 7,6 millóns de euros que destina anualmente a Consellería de Política Social aos concellos para o pago do SAF (Axuda a Domicilio) ou os 3,1 millóns que se reservan para abonar a RISGA ás 599 persoas que a perciben nesta comarca.

Se a isto lle engadimos o Plan Concertado, as axudas aos municipios para contratar persoas que traballen con eido social, a Xunta destina aos concellos da área de Ferrolterra máis de 11,4 millóns de euros para atender as necesidades sociais dos seus veciños. Neste punto, Ovidio Rodeiro recalcou que “o Goberno galego tamén contará no 2020 con dúas novas Casas Niño en As Somozas e Cerdido”e puntualizou que “nesta área a Consellería de Política Social tamén conta con 531 prazas concertadas en centros de discapacidade e de maiores que contan cun investimento de 7,3M€”.

Infraestruturas

Outro dos temas importantes analizados no encontro foi a mellora das infraestruturas na comarca, o delegado territorial destacou que entre 2018 e 2019 a Xunta de Galicia destina máis de 22 millóns de euros a obras de saneamento, sendas peonís e reforzos de firmes. Neste punto, lembrou un dos investimentos máis importantes como os 7 millóns destinados ao saneamento de A Malata co que se rematará o saneamento integral da ría de Ferrol na que se investiu en total 100 millóns de euros.

Neste punto, tamén anunciou que a Xunta de Galicia está en disposición de colaborar para afrontar o saneamento do rural na cidade de Ferrol pero lembrou que para poder facelo ten que aportar o Concello a parte coa se comprometeu no 2012. “Nos orzamentos do 2020 contamos con 100.000 euros iniciais, ata un total de 3,1 millóns de euros en anos posteriores, para cofinanciar o 25% do investimento necesario pero o Concello, como competencia propia, ten que conseguir os fondos para o 75% propios ou de Estado para poder avanzar”

Ademais, lembrou que “a Xunta iniciou o proceso para licitar o acondicionamento da estrada Valdoviño-Cedeira e a 1ª fase da mellora da vía San Sadurniño-Ortigueira que contarán cunha achega de 12,6 millóns de euros”.

Neste punto, abordouse tamén outro dos asuntos importantes na cidade de Ferrol, concretamente o relacionado con todos os investimentos para a recuperación do seu casco histórico. Ovidio Rodeiro referiuse á partida que a Xunta reserva para o ano que ven de 2,4 millóns de euros para recuperar edificios históricos e aos 2,5 millóns de euros para as achegas dos ARIS. “A estas cifras hai que engadir outros 5,8 millóns de euros que temos investidos ou comprometidos para recuperar os 13 inmobles xa adquiridos do 2018 e algún outro en proceso de compra cos fondos do 2019”, aclarou Ovidio Rodeiro.

No encontro cos xefes territoriais tamén se analizaron os investimentos para mellorar os servizos sanitarios aos 20 concellos de Ferrolterra e aos seus 190.400 habitantes. O delegado territorial lembrou que nesta lexislatura construíuse máis dun centro de saúde novo cada ano e neste momento estase executando o novo centro de saúde de Narón, adxudicado pola Xunta en 5 millóns de euros e a reforma da mellora enerxética de Mugardos e As Pontes (de máis de un millón de euros)

“Pero sen dúbida o gran avance no eido sanitario serán os investimentos que se están realizando e se seguirán realizando para a renovación integral do complexo hospitalario universitario de Ferrol que terá un custe global de 130 millóns de euros. Neste momento, estamos rematando xa a fase 0 de reordenación de servizos e obras previas cun investimento de máis de 5 millóns de euros e no 2020 contaremos con 17 millóns de euros para avanzar na fase I de construción de dous novos edificios”, lembrou o representante do Goberno autonómico.

Na reunión tamén se analizaron as axudas que dende a Consellería de Medio Rural se destinan a particulares e empresas para fixar poboación no rural. Neste punto recalcou que “o noso obxectivo é que ningún proxecto que o precise se quede sen financiación”. Concretamente, entre a PAC e as principais liñas de achegas para os distintos programas “temos comprometidos na comarca máis de 7 millóns de euros”, puntualizou Ovidio Rodeiro.

No eido da Educación a Xunta de Galicia realizou máis de 36 obras en centros educativos cun investimento que supera os 2 millóns de euros, destacando como obras máis importantes a ampliación de CEIP Eladio Mariño de Cabanas e a reforma integral do CEIP de Canido de Ferrol.

Finalmente, tamén se falou sobre o estado dos proxectos que xa están aprobados para realizar este ano coas achegas da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que deixarán no 2019 na comarca, entre as ordes de Infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental máis de 1 millón de euros para 19 obras. Aos que hai que engadir as achegas do Fondo de Cooperación Local que roldan nesta área os 7,5.millóns de euros.

Estes fondos van destinados a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial.

21 de novembro de 2019 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.