publicidade hoxe

Un proxecto no que participa a Evega conclúe que a adopción de técnicas vitícolas preventivas evitan enfermidades na vide

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Medio Rural, a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), participou na elaboración dun proxecto sobre prácticas innovadoras para combater as enfermidades da vide, en colaboración coa Universidade de Santiago e a bodega Godeval, co fin de definir, valorar e validar prácticas para o tratamento de enfermidades da madeira da vide. Entres as súas conclusións, destaca que a adopción de técnicas vitícolas preventivas segue sendo indispensable para previr este tipo de patoloxías. Entre as principais medidas preventivas a levar a cabo destacan a de realizar podas temperás, protexer as feridas de poda e eliminar os restos de podas.

O estudo foi realizado nos viñedos da bodega Godeval, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras. Nos traballos levados a cabo valorouse o emprego de produtos de recente creación, tanto químicos como compostos máis sostibles tales como axentes de biocontrol, para o tratamentos das principais enfermidades da madeira.

Os resultados amosaron que, precisamente, as limitacións na utilización de produtos químicos para protexer as feridas de poda -vía de entrada de patóxenos causantes destas enfermidades- foi unha das principais causas do aumento deste tipo de patoloxías nos últimos anos. É dicir, que as condicións climáticas e a época de poda limitan o emprego do control biolóxico fronte á loita química, polo que é necesario adoptar técnicas preventivas para asegurarse o bo estado da vide.

Este proxecto foi levado a cabo polo grupo operativo autonómico EVID, cofinanciado co Fondo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) e coordinado pola Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga).

Podas temperás

Fai apenas uns meses, a Evega foi galardoada co terceiro premio ao mellor traballo científico presentado como comunicación oral, no marco do 11º Congreso Internacional de Enfermidades da Madeira da Vide que se celebrou en Penticton (Canadá). Ese traballo, que xira arredor da mesma temática co actual, forma parte dunha tese doutoral que se desenvolve na Evega, en colaboración co Instituto de la Ciencia de la Vid y del Vino (ICVV) de Logroño.

Nese estudo investigáronse as porcentaxes de infección por patóxenos fúnxicos asociados a enfermidades da madeira da vide, que se producen de forma natural tras a realización da poda. Esta análise levouse a cabo en seis viñedos galegos localizados nos concellos ourensáns de Leiro e do Barco de Valdeorras e no pontevedrés de Ribadumia, mediante a técnica de secuenciación masiva. Os resultados dese proxecto incidían en que se recomenda a realización dunha poda temperá -entre os meses de novembro e febreiro- en combinación con outras medidas de control co fin de reducir ao máximo as infeccións de fungos causantes de enfermidades da madeira da vide.

31 de outubro de 2019 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.