publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta premia un proxecto artístico que converterá as Torres Hejduk do Gaiás nun banco sonoro e visual de experiencias do Camiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén de premiar un proxecto que, a modo de instalación artística efémera, converterá as icónicas Torres Hejduk da Cidade da Cultura nun banco de memorias e experiencias do Camiño de Santiago. Será a través dun rexistro sonoro e visual de vivencias de peregrinos, parte delas relatadas en tempo real desde a propia praza do Obradoiro.

A proposta, presentada polo Colectivo Cantz –formado polos artistas visuais Felipe Romero, de Colombia, e Marius Ionut Scarlat, de Romanía– foi seleccionada como vencedora no VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as participantes do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura 2019. Esta edición do certame enmárcase na programación do Xacobeo 2021 –tendo como eixe as Rutas Xacobeas e profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago– e conta coa colaboración da Fundación Banc Sabadell.

O proxecto propón sumar ás pegadas que o Camiño de Santiago deixa nas persoas que o experimentan –desde o relato oficial a través dos selos da credencial ata as marcas no propio corpo– un novo tipo de evidencia: un depósito de rostros e vivencias. Este rexistro construirase a través da experiencia dos artistas durante o Camiño –recollida nun diario fotográfico a modo de fotolibro– e dunha serie de entrevistas realizadas na praza do Obradoiro durante tres semanas, que se proxectarán nas Torres Hejduk en tempo real continuarán dispoñibles no espazo para a consulta dos e das visitantes que se acheguen ao espazo.

Con este arquivo sonoro e visual, os peregrinos verán prolongada a experiencia do Camiño máis alá da súa chegada ao Obradoiro, deixando a súa pegada neste espazo expositivo situado no cumio da faldra oeste do Gaiás –a cal está precisamente bordeada pola Vía da Prata á súa chegada a Compostela– e ampliando, a través da imaxe fotográfica e audiovisual, a experiencia do Camiño de Santiago na Cidade da Cultura.

As persoas peregrinas no centro da intervención

O proxecto do Colectivo Cantz foi elixido como vencedor entre as 11 propostas presentadas ao VII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk –tres delas colectivas–. O xurado valorou deste proxecto a súa vocación de colocar como suxeito activo da intervención as protagonistas principais do camiño: as persoas peregrinas.

Os dous artistas promotores desta proposta traballan a partir da imaxe fotográfica e teñen desenvolvido proxectos en Italia, Colombia, Arxentina, Romanía ou Israel, abordando cuestións como o territorio, a historia e a identidade. O seu traballo sitúase nos límites da lóxica documental, interesándose especialmente en lugares que permiten expandir o medio fotográfico, servindo como dispositivo de reflexión visual.

Inauguración no verán do 2020

A intervención do Colectivo Cantz inaugurarase, como é costume, o derradeiro día do vindeiro Encontro de Artistas Novos (EAN), que se celebrará no verán de 2020. Na actualidade, aínda pode visitarse –ata o 15 de decembro– a intervención gañadora da pasada edición, titulada Stay Here e realizada polo artista sevillano Alejandro Ginés. Esta peza escultórica, a modo de torre coroada por unha cadeira pregada, converte as Torres Hejduk nunha especie de enxeñosa matrioska, que convida á participación de quen a ve, tanto no seu hipotético manexo como nas súas múltiples lecturas, entre as que atopamos conceptos como a ambición, as relacións de poder, o estatus social, as desigualdades, ou a competitividade.

Colectivo Cantz

Felipe Romero Beltrán (1992, Colombia) é fotógrafo e artista visual. Desenvolveu proxectos artísticos en países como Colombia, Arxentina, Israel e España. Actualmente, desenvolve proxectos de investigación arredor da imaxe fotográfica e as tensións no territorio. Foi premiado en certames como ArteCámara ARTBO 2019, Encontros da Imagem Discovery Award 2019, Tabacalera Cantera 2019, Photoespaña 2019, New York Times Call 2019, Sony Photography Awards, Canon Student program, Visa pour l’image, Burn Magazine Magnum Foundation, Luca Dolega París, ou World Nomads Japón.

Marius Ionut Scarlat (1993, Romanía) está graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Alcalá, pero comezou a súa carreira como fotógrafo tras rematar o Máster en Fotografía artística na Escola TAI. Desenvolveu o seu traballo fotográfico en países como Romanía –de onde é orixinario–, España, Reino Unido ou Italia. Participou en concursos nacionais e internacionais como PhotoEspaña, Magnum Foundation, Tabacalera, La Máquina, World Nomads, Visa pour l’image ou Matera European Photography.

31 de outubro de 2019 | 16:18 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario