publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xunta e Concello de Santiago crearán antes de final de mes unha comisión técnica para impulsar o polígono da Sionlla

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Santiago

Ángeles Vázquez na reunión co alcalde de Santiago

Antes de que remate setembro constituirase unha comisión técnica integrada por persoal do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e do Concello de Santiago co obxectivo de darlle un pulo definitivo ao polígono empresarial de A Sionlla. Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que mantiveron unha reunión para abordar diversos asuntos de interese municipal nos que o Concello aspira a contar coa colaboración do departamento autonómico.

O futuro da área empresarial da Sionlla foi o tema central da xuntanza, durante a que ambos mandatarios coincidiron na importancia de colaborar e traballar da man para relanzar a actividade no parque. Con este obxectivo común decidiron poñer en marcha un novo grupo de traballo de carácter técnico e con representación de ambas administracións, que será o encargado de propoñer accións e medidas coas que acadar a ocupación plena do polígono.

Cómpre lembrar que A Sionlla foi un proxecto promovido polo IGVS cun investimento total de máis de 74 millóns de euros. Desde a súa posta en servizo a finais de 2012, adxudicáronse máis de 429.000 metros cadrados vía concursos, ventas directas ou proxectos singulares dos 758.000 m2 cos que conta este parque para uso industrial e comercial.

Na actualidade, o polígono empresarial ten aínda algo máis de 320.000 metros cadrados de solo dispoñible para venta, con bonificacións do 30% sobre o prezo oficial, ou para a súa adxudicación na modalidade de dereito de superficie, a cambio do pago dun canon anual moi reducido que lle dá á empresa opción de compra.

Neste sentido, a Xunta convoca desde 2015 concursos a prezos bonificados para acceder ás parcelas dispoñibles na Sionlla, de tal xeito que no último lustro as bonificacións aplicadas ás empresas que compraron solo neste parque superan xa os 7,33 millóns de euros.

Máis vivenda protexida

Por outra banda, Ángeles Vázquez e Xosé Sánchez Bugallo tamén afondaron na situación do concello en materia de vivenda e, máis concretamente, no que respecta ao parque de vivendas protexidas. Así, a mandataria autonómica e o rexedor acordaron impulsar novas vías de colaboración neste sentido, co fin de incrementar en Santiago o número de vivendas sometidas ás diferentes figuras e réximes de protección que existen.

Para iso, Vázquez Mejuto avogou por aproveitar todas as liñas das que dispón a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en materia de promoción pública de vivenda para acadar este obxectivo, referíndose, por exemplo, ao programa de vivendas interxeracionais –destinadas a menores de 35 anos e persoas maiores de 60-, entre outras vías a explorar xunto ao Concello de Santiago.

Cómpre lembrar que o IGVS tiña previsto o desenvolvemento de varias parcelas de uso residencial na cidade grazas aos que se pretendía construír máis de medio cento de vivendas de promoción pública. Estes proxectos, sen embargo, quedaron paralizados ao chocar coa oposición do anterior goberno municipal, de xeito que a Consellería agarda que a nova vía de colaboración que se acordou abrir hoxe co executivo local permita reactivar estas promocións.

2 de setembro de 2019 | 17:26 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario