publicidade hoxe

Xunta e a Fundación Catedral de Santiago colaboran para a renovación da iluminación do Museo

Francisco Conde na renovación do acordo

Francisco Conde na renovación do acordo

A Xunta de Galicia e a Fundación Catedral de Santiago asinaron colaboran na renovación realizada no sistema de iluminación do museo da propia Catedral. Esta renovación incluíu a substitución de 62 luminarias por lámpadas LED, ademais da mellora do equipamento eléctrico e da instalación de sensores de presenza que garanten a seguridade das obras.

Este traballo, en virtude do convenio de colaboración asinado por ambas partes, conta cuns orzamentos de preto de 55.000 euros, dos cales a Xunta aporta máis da metade, cifrando en 30.000 euros o seu investimento. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou que a instalación de lámpadas LED representa unha aposta clara pola sustentabilidade. Estes instrumentos suporán unha rebaixa de preto do 90% no custo total de iluminación (para un total de 1700 euros aforrados cada mes) e unha duración de uso 5 veces superior ás luminarias tradicionais.

Asemade, dada a natureza fráxil dos elementos exhibidos no museo (que comportan a segunda colección de tapices máis grande de España, ademais das salas Goya e Lepanto), o sistema eléctrico disposto ofrece unha iluminación acorde a esta sensibilidade, que non resulta prexudicial en ningún momento para coas obras. A mellora destas instalacións museísticas enmárcase dentro do plan común da Xunta para a preparación do Xacobeo 2021.

Outras accións coa Fundación

As obras previstas por este convenio súmanse a outras iniciativas da Xunta para mellorar a Catedral, como o traballo conxunto da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e a Fundación Catedral de Santiago, cun convenio asinado o pasado 3 de agosto de 2018 establecendo un marco de colaboración a prol de recuperar e conservar o patrimonio construtivo en madeira da Catedral de Santiago, empregando para este fin as técnicas y tecnoloxías máis axeitadas, promovendo a innovación, sobre o importante patrimonio cultural en madeira que alberga a Catedral.

A día de hoxe, o acordo está permitindo ofrecer unha diagnose do estado actual da madeira do interior do monumento co asesoramento técnico de Xera. Cómpre destacar o estudio do baldaquino, estrutura de madeira de gran valor arquitectónico sobre o que se fixo un estudo preliminar para actuar sobre a estrutura e os elementos decorativos.

A situación actual dos traballos inclúe xa a instalación das estruturas de madeira de castiñeiro nas cubertas das capelas da xirola da Catedral (á espera do recubrimento de tella); a execución en breve da mellora do baldaquino; e o inicio nos próximos meses dos traballos de conservación da estrutura de madeira nas cubertas do Pazo de Xelmírez.

5 de setembro de 2019 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.