publicidade hoxe

Sergas e concello do Porriño asinan un convenio de cooperación para a ampliación do centro de saúde

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPontevedraPortada dereita
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asinaron hoxe, no Edificio Administrativo de San Lázaro, un convenio de cooperación para a execución das obras de ampliación do centro de saúde desta localidade. Tal e como se recolle no convenio hoxe asinado, ambas institucións acordan unir os seus esforzos para acadar o obxectivo sinalado e, coa fin de levar adiante o proxecto das citadas obras de ampliación, consideran necesaria a concorrencia de medios e achegas de ambas partes.

No convenio recóllese que o concello é o responsable da asunción dos gastos necesarios para dotar á parcela das infraestruturas necesarias e, pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde comprométese a contratar, dirixir e executar as obras de ampliación con cargo aos seus orzamentos.

Ao respecto, cómpre sinalar que o Sergas vén de sacar a licitación, o pasado día 19 de agosto, por un importe de 74.735 euros, a contratación do servizo de redacción do proxecto básico e de execución, e da dirección de obra da ampliación e reforma do centro de saúde do Porriño, sendo o prazo de execución para a redacción de 2,5 meses.

Plan funcional

O plan funcional de espazos do centro de saúde do Porriño, aprobado polo Sergas, contempla un incremento de superficie tanto na área de urxencias (Punto de Atención Continuada), como na área médica e pediátrica, entre outras, adaptándose as necesidades asistenciais e de persoal actuais e futuras do Concello do Porriño. Neste senso, a instalación sanitaria verá incrementada a súa superficie útil en preto de 700 metros cadrados.

En base ao plan funcional, a nova infraestrutura disporá de 2 novas consultas de medicina xeral (pasando de 6 a 8); 1 nova consulta de enfermería (ata completar un total de 6), 1 consulta de matrona, 1 sala de cirurxía menor, 1 sala polivalente e 1 unha consulta e 1 ximnasio de fisioterapia. Ademais disporá dunha sala de educación maternal, 1 consulta de farmacia, 1 para odontoloxía, sala de toma de mostras e outras dependencias.

Na área pediátrica, o centro verá incrementado o número de consultas de pediatría, (pasando de 2 a 3); así como unha nova consulta de enfermería pediátrica (en total 2) e unha consulta polivalente de pediatría, da que carece o actual centro, ademais dunha sala de espera e aseo.

No que atinxe á zona de urxencia (Punto de Atención Continuada), ampliaranse as consultas de medicina xeral (que pasan de 1 a 3), as de enfermería (que pasan de 1 a 2) e disporá dunha nova sala de observación, entre outros espazos.

Ademais, o plan funcional tamén contempla a ampliación da área de administración e arquivo e outros servizos comúns.

O actual centro de saúde do Porriño atende a unha poboación de arredor de 20.000 habitantes, dos que preto de 3.000 son menores de 14 anos. A súa ampliación suporá que tanto os profesionais como os usuarios dispoñan dunha infraestrutura moderna e adaptada ás súas necesidades, dando deste xeito unha mellor resposta ás necesidades de saúde presentes e futuras da veciñanza do Porriño.

3 de setembro de 2019 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.