publicidade hoxe

‘O teu Xacobeo’ impulsa un novo festival de música barroca en Compostela

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou hoxe na presentación do Festival Ateneo Barroco 2019, que se encargará de coordinar o Ateneo de Santiago e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O teu Xacobeo, o programa posto en marcha polo Goberno autonómico para promover actividades de dinamización de cara a celebración do vindeiro Ano Santo. O obxectivo desta cita musical céntrase en pór en valor as músicas antigas e do Barroco como símbolos dun período de intercambio e diálogo cultural no que o Camiño resulta transcendental. Ademais, o festival pretende ser unha plataforma de intercambio entre músicos galegos ou residentes en Galicia con outros doutros países.

O evento estará composto por cinco concertos que se celebrarán no paraninfo e igrexa da Universidade de Santiago, no Teatro Principal e na sede da Afundación. As citas musicais misturaranse con charlas previas sobre instrumentos do Barroco. Todas estas actividades levaranse a cabo entre o martes 8 de outubro e o sábado día 12.

No tocante a conferencia inagurual, cómpre destacar que correrá a cargo de Stefano Russomanno, xornalista e crítico musical italiano especializado en música clásica, que se celebrará na sede de Afundación, o 7 de outubro, e se centrará la obra da compositora e cantante do século XVII, Barbara Strozzi. O festival intercalarase coa proxección de tres documentais sobre compositores ou instrumentos do Barroco: Bach, Haendel e a arpa.

Convocatoria dotada con 4,7 millóns de euros

A convocatoria de proxectos O teu Xacobeo, a máis importante da historia de Galicia, permitirá impulsar máis de 350 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda a Comunidade. Foi impulsada polo Goberno autonómico, co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21, un evento que se presenta como unha oportunidade para construír unha Galicia máis verde, innovadora e competitiva. Esta liña de axudas espertou un importante interese na sociedade galega e o volume de propostas recibidas, un total de 652, levou a Xunta de Galicia a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

3 de setembro de 2019 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.