publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Salón Teatro acolle dúas funcións de Avelina Pérez & Velpister con ‘Deixa de tocala, Sam’

O Salón Teatro de Santiago de Compostela ofrece esta fin de semana dúas representacións da peza Deixa de tocala, Sam, a cargo da creadora escénica AveLina Pérez xunto co pianista Velpister. A sede do Centro Dramático Galego exhibe así este espectáculo, ao que contribuíu a poñer en escena pola programación dunha acción curta co mesmo título dentro do seu ciclo Teatro Ob-sceno, en maio de 2018.

Despois da súa xénese como unha montaxe unipersoal da artista viguesa, de formar parte da carteleira de Galicia Escena PRO -o mercado de artes escénicas organizado pola Consellería de Cultura e Turismo-, e de se estrear no Teatro Ensalle de Vigo, a proposta volve agora ao escenario compostelán para amosarlle ao público o resultado deste proceso creativo.

A proposta inicial, que fora desenvolvida na zona do montacargas do Salón Teatro, foi medrando para afondar na relación entre os poderes establecidos e os lugares que permanecen agochados, afastados dos focos, ata situar a proposta no lugar central do escenario, que se ilumina e que lles dá cabida ás preguntas teatrais que se formula AveLina Pérez. Hamlet, Deus, Billy o neno, unha muller cun dente de ouro que bota pan aos peixes da praza, o rei, a actriz, o pianista… son personaxes que compoñen esta paisaxe teatral e musical que procura incertezas pero que, de xeito paradoxal, celebra o feito da vida.

O espectáculo conta coa participación de Velpister, artista multidisciplinar cuxo traballo atende ás cuestións relacionadas co poder e coa ruptura dos canons establecidos, ademais de Daniel Casquero na iluminación e de Jesús Andrés Tejada no vídeo.

Despois de Deixa de tocala, Sam, o Salón Teatro continuará a súa actividade para a recta final do ano coas montaxes Karelu, de Os Náufragos Teatro (do 27 ao 29 de setembro); O que segue, de Funboa Escénica (do 18 ao 20 de outubro); Como ceniza blanca sobre una hoguera, de La tejedora de sueños (11 de outubro); Desde o invisible a cargo da compañía La Quintana Teatro (do 30 de outubro ao 3 de novembro), ou Cartoóns, de PT Excéntricas e Teatro de Adro (do 30 de outubro ao 3 de novembro), entre outras propostas.

18 de setembro de 2019 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.