publicidade hoxe

O primeiro plan de xestión de usos e xestión de Serra de Enciña da Lastra entrará en vigor en outono

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaOurensePortada dereitaRubiá
A-
A+

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta mañá que o primeiro plan de xestión de usos e xestión de Serra de Enciña da Lastra entrará en vigor a comezos deste outono. Así o avanzou durante unha visita ao Centro de Visitantes do Parque, onde aclarou que este mes sairá publicado no Diario Oficial de Galicia, o último dos trámites para que aos 20 días entre en vigor.

Recordou que o PRUX, que terá unha vixencia de seis anos, é un instrumento específico para xestionar, protexer e conservar os valores dun espazo natural garantindo o uso e a xestión axeitada dos seus recursos.

A conselleira sinalou que tamén contará cun plan de emerxencia e de autoprotección que mellorará a capacidade de resposta ante posibles emerxencias que puidesen presentarse; así como un plan de actuación con diferentes liñas de traballo para avanzar en materia de conservación da biodiversidade, paisaxe, investigación e uso público.

Engadiu que, ademais de ser un claro recoñecemento ao traballo levado a cabo ao longo destes meses, é a folla de ruta coa que protexer e preservar todos os valores que fan único ao parque natural máis novo dos seis comunitarios, xa que acadou a súa declaración como parque natural o 3 de maio de 2002.

Nas súas máis de 3.000 ha de superficie (3.151) atópanse os aciñeirais máis extensos e mellor conservados de Galicia, onde destaca a Aciñeira de Covas -que con máis de 500 anos de vida está declarada árbore senlleira pola Xunta de Galicia por ser unha reliquia botánica de gran valor natural e cultural-; mantén salgueirais mediterráneos -moi escasos no territorio galego- e conserva os únicos tomiñares da Comunidade Autónoma.

Ángeles Vázquez salientou que a importancia deste parque tamén reside na súa paisaxe e no que veciños e visitantes poden admirar un espectáculo paisaxístico e natural, como son os vales que labra o Sil, que tamén divide un sistema montañoso, con incribles gargantas que se poden descubrir pola ruta existente entre Vilardesilva e Covas.

Así, conservar e protexer este parque natural é tamén unha responsabilidade e necesidade para facilitar a preservación da comunidade de aves nidificantes máis rica e singular de Galicia, con preto de 100 especies que se poden observar nos cantís e canóns.

Galicia verde e azul

A conselleira de Medio Ambiente defendeu que a aposta do Goberno galego é acadar e defender unha Galicia verde e azul, polo que se definiron ferramentas para garantir un equilibrio entre a protección da riqueza natural e o desenvolvemento sostible, como a Lei de Patrimonio Natural, que entrou en vigor a finais do mes de agosto, e os plans reitores dos parques distintos parques de Galicia.

Recordou que ao tempo que se aprobaba no Consello da Xunta o PRUX da Serra da Enciña da Lastra tamén se lle daba o visto bo ao Plan reitor do Invernadeiro e paralelamente trabállase no PRUX do Monte Aloia, que ata este venres estará en exposición pública. O seguinte paso será estudar as achegas para proceder á súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta de Galicia a finais deste mesmo ano; mentres que se avanza nos traballos dos plans reitores dos restantes parques naturais e do Complexo Dunar de Corrubedo– Lagoas de Carregal e Vixán.

3 de setembro de 2019 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.