publicidade hoxe

Medio Ambiente repartirá entre 84 concellos 1.700 contedores de papel-cartón e envases lixeiros para fomentar a reciclaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda repartirá nos próximos meses 1.645 contedores destinados ao depósito de papel-cartón e de envases lixeiros entre un total de 84 concellos galegos. Os novos colectores, aos que se destinarán máis de 550.000 euros, empezarán a ser distribuídos nas próximas semanas de xeito gradual, coa previsión de que todos poidan estar entregados antes de rematar o ano.

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, no transcurso dunha visita a Laxe, un dos municipios beneficiados por esta iniciativa, que forma parte do chamado Plan Galicia Recicla impulsado no marco do convenio de colaboración asinado en 2016 entre a Xunta e Ecoembes. Concretamente, o Concello de Laxe renovará as súas infraestruturas de recollida de residuos coa incorporación de 30 novos contedores: 20 para envases lixeiros e 10 para papel e cartón.

O Plan Galicia Recicla, tal e como explicou a conselleira, é un conxunto de medidas e actuacións que teñen como obxectivo común fomentar a reciclaxe entre os galegos, lembrando que unha boa maneira de incentivar este tipo de prácticas consiste en dotar tanto aos concellos como aos cidadáns das ferramentas axeitadas.

Así, subliñou que desde o ano 2017 e contando xa coas novas unidades que están en proceso de reparto, o seu departamento leva investidos máis de 1,75 millóns de euros en dotar aos concellos galegos de 5.224 novos contedores deste tipo – 4.084 para envases lixeiros e 1.140 de papel-cartón- de tal xeito que a rede galega superará os 50.000 colectores a final de ano.

A conselleira explicou que este tipo de medidas unidas ás políticas medioambientais que está a desenvolver a Xunta, con campañas e iniciativas divulgativas para sensibilizar á cidadanía sobre a importancia de reducir a produción de residuos no día a día e reciclar o maior número posible dos que se xeran, están a ter un efecto moi visible na evolución das taxas de reciclaxe na comunidade.

Deste xeito, Ángeles Vázquez lembrou que o ano pasado se acadaron ratios espectaculares de reciclaxe deste tipo de material, cun incremento do 11,4% da recuperación de papel-cartón e do 9,3% no caso dos envases lixeiros en comparación cos datos de 2017.

Neste sentido, celebrou a “cada vez maior concienciación dos galegos e galegas pola reciclaxe” pero tamén vencellou estas cifras co compromiso medioambiental amosado polo Goberno galego, que se plasma, insistiu, en medidas como a continua mellora da actual rede de contedores.

Así, subliñou que nestes momentos o 99,8% dos galegos xa ten acceso á recollida selectiva de envases lixeiros e o obxectivo da Xunta é seguir renovando aquelas unidades que o precisen e incrementando os puntos de depósito para facer que este xesto sexa o máis “cómodo” e fácil posible para os cidadáns.

Xornada sobre o Pacto de Alcaldes en outubro

Por outra banda, a titular de Medio Ambiente aproveitou a súa presenza en Laxe para anunciar que o vindeiro 1 de outubro este municipio acollerá unha das seis xornadas informativas programadas pola Xunta para animar e fomentar a adhesión dos concellos galegos ao chamado Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía.

Cómpre lembrar que esta é unha iniciativa da Unión Europea que, partindo da premisa pensa global, actúa local, busca implicar ás administracións locais de forma activa na loita contra o cambio climático. No caso concreto de Galicia, o Pacto está coordinado pola Consellería de Medio Ambiente e o seu traballo se canaliza a través dunha Oficina Técnica, posta en marcha o ano pasado co fin de asesorar e orientar ás entidades locais que se van sumando á iniciativa pero tamén a aquelas que se queren informar antes de dar o paso.

Nestes momentos, como lembrou a conselleira, son xa 130 os concellos integrados oficialmente no Pacto dos Alcaldes e preto doutros 20 están tramitando a súa adhesión. Por iso, Vázquez Mejuto considerou fundamentais este tipo de xornadas, coas que a Xunta pretende incentivar ao municipalismo galego a sumarse a un movemento internacional que xorde da necesidade de implicar á administración máis próxima á veciñanza nos obxectivos que se ten marcado a UE de aquí ao ano 2030: acadar un 32,5% de mellora de eficiencia enerxética, un 40% menos de emisións de CO2 e un 32% máis de enerxías renovables.

17 de setembro de 2019 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.