publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Lete Lasa presenta o torneo “Fútbol no Camiño” dentro do programa “O teu Xacobeo”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaVigo
A-
A+
Lete Lasa na presentación do torneo

Lete Lasa na presentación do torneo

O secretario xeral para o Deporte presentou na mañá de hoxe o Torneo de categoría alevín ‘Fútbol no Camiño’ do CD Sampayo dentro do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia. Este programa responde á maior convocatoria aberta da historia de Galicia con máis de 350 proxectos aprobados e un investimento de case 5 millóns de euros que “beneficiarán a cidadáns e entidades de toda a comunidade, tamén a través da práctica deportiva, impulsando un Ano Santo 2021 que será o mellor para Galicia e para Vigo”. “Desde a Xunta apostamos por cohesionar, por xerar comunidade e por fortalecer os lazos que unen a todos os galegos, e aos galegos co resto do mundo”, engadiu.

O secretario xeral lembrou que Vigo é -con 730.000 euros na última tempada e 7 millóns nos últimos 10 anos para clubs- “a cidade galega que máis investimento recibe da Xunta de Galicia para a súa actividade deportiva”. Vigo conta, dixo, con “centenares de clubs e de equipos, moitos deportistas e directivos, eventos deportivos, que estenden pola cidade hábitos de vida activos e saudables, promotores dun Vigo e dunha Galicia máis deportivas, máis modernas e mellores”.

Do mesmo xeito, o secretario xeral destacou a aposta da Xunta polo deporte base como demostra cada ano no seu programa Xogade que xunta toda a oferta deportiva en idade escolar (federada e non federada) promovida polo Goberno galego. A Xunta de Galicia contou na tempada 2018-2019 con 128.586 nenos e nenas mutualizados no programa Xogade dos que preto de 11.000 naceron na área de Vigo.

O Torneo de ‘Fútbol no Camiño’ celebrarase o 14 e o 15 de setembro no Campo de Fútbol Federativo de Coia (Vigo). Agárdanse unhas 700 persoas que asistirán ao torneo e os equipos participantes serán o Celta, Dépor, Lugo, Xuventude de Oroso, Pabellón de Ourense, Victoria de Santiago, Verín, Residencia, Tyde, Louro, Victoria de Guimareis, Conxo, Choco, Estradense, Ural e Ourense. O orzamento global do torneo asecnde a 18.840 euros, dos que o programa ‘O teu Xacobeo’ achega o 70%).

9 de setembro de 2019 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.