publicidade hoxe

Galicia participa no deseño dun prototipo de laboratorio portátil de análise da calidade da auga para presentalo en 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), dependente da Consellería do Mar, e os seus socios no proxecto Sealab presentarán en 2020 o prototipo do innovador sistema que están a desenvolver para mellorar o servizo de control de calidade das augas. Así se anunciou hoxe nunha xornada celebrada na sede da Fundación Cetmar en Vigo para dar a coñecer os avances destes traballos.

A investigación parte do obxectivo xeral de mellorar o servizo de análise das denominadas substancias prioritarias -clasificadas así segundo a Unión Europea porque supoñen un risco- nas augas interiores, e os socios do proxecto Sealab avanzan xa no desenvolvemento, por unha banda, dun laboratorio cun innovador sistema de toma e xestión de mostras que incorpora nanosensores para catro destas substancias, ademais de medir outros parámetros auxiliares (osíxeno, temperatura, condutividade ou turbidez).

O devandito laboratorio portátil de sustancias prioritarias, deseñado pola empresa Indrops Laboratorio xunto a INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), incorporarase a un vehículo mariño lixeiro non tripulado de doado despegue no que está a traballar a empresa Industrias Ferri coa colaboración da Unidade de Tecnoloxías Mariñas do Cetmar. A embarcación disporá dun dobre sistema de propulsión que contará cun motor foraborda para o traslado ata o punto de mostraxe e motores eléctricos que reduzan o risco de contaminación nas manobras na zona de control e que serán desenvolvidos por Cetmar.

O sistema de funcionamento de todos os elementos integrados na embarcación, ademais das comunicacións e as teleoperacións, están sendo desenvolvidos pola empresa Imatia Innovation, que ademais é responsable do deseño dunha plataforma que xestionará toda a información relativa tanto ás mostras de auga como á navegación, remitíndoa en tempo real á base, que poderá actuar de forma temperá de acordo os datos transmitidos sobre a existencia de substancias prioritarias ou outros parámetros.

Unha vez rematados todos estes traballos e desenvolvido o sistema, os técnicos do Cetmar procederán a validar o seu funcionamento en condicións reais, verificando o cumprimento dunha serie de requisitos definidos previamente nun plan elaborado tendo en conta a información aportada polos futuros usuarios finais. Segundo os prazos que barallan os responsables do proxecto Sealab, que comezou en 2018, as probas para comprobar o funcionamento do laboratorio portátil realizaranse en condicións reais no mar dentro dun ano. Do seu resultado darase conta en setembro de 2020 nunha nova xornada de difusión como a que tivo lugar hoxe no Centro Tecnolóxico do Mar e na que se mostrará o funcionamento do novo dispositivo.

O proxecto Sealab está liderado pola empresa galega Indrops Laboratorio, xunto a Industrias Ferri, Imatia Innovation, e coa participación do INL e a Unidade de Tecnoloxías Mariñas do Cetmar. Cun orzamento que supera o millón de euros, esta iniciativa está financiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) mediante o programa Conecta Peme, que pretende fomentar a cooperación entre pemes e outros axentes do sistema rexional de innovación mediante o apoio a proxectos de I+D+i orientados ao mercado.

18 de setembro de 2019 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.