publicidade hoxe

A Xunta sitúa a ciberseguridade nos piares da estratexia dixital de Galicia para a vindeira década

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe que a “ciberseguridade é un elemento chave” no proceso de transformación dixital que estamos a vivir e un dos vectores sobre os que se está a elaborar a estratexia dixital de Galicia para a próxima década. A responsable da política tecnolóxica da Xunta inaugurou esta mañá o I Congreso de ISACA en Santiago, que reúne a preto dun cento de profesionais do ámbito da ciberseguridade.

Na súa intervención, Pereira sinalou que “a vida é dixital” e a seguridade e a confianza son elementos fundamentais para que os cidadáns se desenvolvan axeitadamente neste contexto. Lembrou a aposta do Goberno galego pola ciberseguridade cun Plan aprobado no Consello da Xunta, que se acaba de reformar para adaptarse aos últimos cambios normativos e que tamén inclúe máis medidas e un incremento orzamentario.

Segundo recordou a directora da Amtega este plan contempla alianzas estratéxicas con outras entidades para mellorar e compartir experiencias no eido da ciberseguridade. Neste sentido indicou que se está a pechar unha nova liña de colaboración co Incibe.

Plan de Seguridade TIC

Entre 2015 e 2018 investíronse 6,4 millóns de euros nas actuacións do Plan de Seguridade TIC, que conta cun orzamento de 10,9 millóns de euros ata 2021. O Plan, cuxa ampliación foi aprobada polo Goberno galego o pasado mes de abril, incorpora novas actuacións a nivel formativo, normativo, organizativo e de protección para garantir a prestación duns servizos dixitais de calidade, dispoñibles e seguros para os cidadáns.

Sobre ISACA

Establecida en 1969, ISACA é unha asociación global sen ánimo de lucro que aglutina a máis de 135.000 profesionais en 188 países, do eido da ciberseguridade. ISACA axuda aos profesionais globais a liderar, adaptar e asegurar a confianza nun mundo dixital en evolución ofrecendo coñecemento, estándares, relacións, acreditación e desenvolvemento de carreira innovadores e de primeira clase.

18 de setembro de 2019 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.