publicidade hoxe

A Xunta reforzou o Plan estratéxico de bioseguridade en explotacións do sector ante a peste porcina africana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, respondeu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento unha pregunta sobre as medidas tomadas polo Goberno galego ante a peste porcina africana. Neste senso, o director xeral salientou que a Consellería do Medio Rural reforzou o plan estratéxico de bioseguridade en explotacións deste sector produtivo desde outubro do pasado ano, data na que se notificou por primeira vez un caso desta enfermidade nun xabaril en Bélxica.

Deste xeito, os veterinarios da consellería visitaron e realizaron unha enquisa de bioseguridade na totalidade das granxas porcinas galegas, tanto a nivel estrutural e de manexo, como a nivel de movementos de porcos con orixe noutros estados membros considerados de especial risco.

Ademais desta medida, explicou o director xeral, lévase a cabo un Programa Anual de Vixilancia das Enfermidades do Gando Porcino que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación tamén reforzou, en particular as liñas de actuación principais de vixilancia sobre a peste porcina africana. Así, incrementouse o número de controis en movementos de porcino procedentes doutros países -en Galicia contrólase o 100% dos movementos- e das condicións de limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de gando procedentes de países de risco, tanto de porcino como tamén de vacún para os casos que sexan usados indistintamente para ambas as especies.

O director xeral tamén indicou que se reforzou a vixilancia en matadoiro mediante a investigación postmortem de lesións compatibles no porcino sacrificado e a mostraxe serolóxica da mostra representativa das explotacións de porcino.

Finalmente, José Balseiros asegurou que se informou ao sector con folletos, encontros divulgativos e xornadas sobre as posibles consecuencias desta enfermidade para este sector produtivo, á vez que se lles explicaron as medidas tomadas para vixiar que a doenza non afecte ao gando porcino galego.

3 de setembro de 2019 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.