publicidade hoxe

A Xunta reclámalle ao alcalde de Vigo que urxa ao Goberno de España a licitar o convenio sobre o abastecemento de auga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A Xunta de Galicia reclámalle ao alcalde de Vigo que urxa ao Goberno a contratar o convenio sobre o abastecemento de auga. Neste senso recorda que o texto foi remitido o pasado mes de abril ao Concello de Vigo e tamén á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil co obxectivo de se licitase o antes posible sen que, ata o de agora, houbera novas a este respecto.

Neste senso, a Administración autonómica lamenta que pese a que o convenio está asinado desde hai cinco meses e o diñeiro para pagalo está reservado non se contrate o estudo técnico. Este informe permitirá analizar as diferentes alternativas e determinar a proposta máis adecuada de mellora da regulación e almacenamento de auga para solucionar os problemas que presenta o sistema de abastecemento de auga desde os encoros de Eiras e de Zamáns.

O convenio prevé que, a partir das conclusións obtidas neste estudo, se realice o correspondente estudo de impacto ambiental da opción definida como a máis axeitada.

A Xunta recorda que impulsou este traballo de análise debido á súa preocupación polos problemas estruturais identificados no sistema que abastece auga á cidade de Vigo e a outros 10 municipios a través dos encoros de Eiras e Zamáns. O último episodio de seca rexistrado no ano 2017 evidenciou a necesidade de acometer actuacións que permitan garantir o abastecemento de auga a longo prazo no novo contexto do cambio climático.

Os concellos incluídos nesta área, Vigo, Redondela, Soutomaior, Porriño, Mos, Salceda, Moaña, Cangas, Baiona, Nigrán e Gondomar, abastécense de recursos hídricos tanto da conca Galicia- Costa (encoro de Eiras e encoro de Zamáns) como da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o que xustifica unha actuación conxunta das tres Administracións Públicas.

Por outra banda, a Xunta insiste na necesidade urxente de que a concesionaria municipal de Vigo realice as actuacións necesarias para garantir a calidade da auga que trata a estación potabilizadora. Respecto a este último punto, recorda que a finais de 2017 o encoro de Eiras atopábase ao 38%, é dicir, con auga abondo para o subministro á poboación, pero a potabilizadora non podía garantir a súa calidade e, en consecuencia, o abastecemento viuse seriamente comprometido.

9 de setembro de 2019 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.