publicidade hoxe

A Xunta anuncia oposicións para cubrir case 600 prazas, a maioría delas a través dunha novidosa convocatoria de emprego social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia anunciou hoxe oposicións para cubrir con carácter fixo un total de 591 prazas de emprego público na Administración galega, a maioría delas a través dunha novidosa convocatoria de emprego social. Trátase de dez convocatorias de oposicións distintas nas que a práctica totalidade das prazas serán de acceso libre.

O director xeral da Función Pública, José María Barreiro, detallou hoxe en rolda de prensa o primeiro paquete unitario de convocatorias denominadas ‘convocatoria de emprego social’, porque segundo explicou “a maior parte desas prazas servirán para reforzar eidos prioritarios como os centros de maiores, os centros de día, a atención á discapacidade ou a atención á muller”. Ademais, da convocatoria de emprego social tamén se tramitarán dúas convocatorias para servizos veterinarios e servizos ambientais.

As oito convocatorias relacionadas co ámbito social inclúen 89 prazas para asistentes sociais; 86 de educadores; 63 prazas de titulados en psicoloxía; 50 para terapeutas ocupacionais; 69 prazas de enfermería; 40 de médicos; 30 prazas para auxiliares de laboratorio e 10 de fisioterapeutas. Tal e como expuxo o director xeral, estas prazas son indepedentes e adicionais ás prazas sanitarias para hospitais ou centros de saúde convocadas polo SERGAS. Ademais, tamén anunciou a publicación de dúas convocatorias para cubrir 122 prazas para persoas tituladas en veterinaria e 32 prazas para titulados en Ciencias do Mar e Bioloxía.

José María Barreiro explicou que se trata dun paquete unitario de oposicións que integra convocatorias de profesións maioritariamente relacionadas co ámbito social, moitas das cales levaban anos sen convocarse e cun número importante de prazas polo que “supoñen unha importante oportunidade de emprego para todas as persoas que cumpran os requisitos e queiran acceder a un emprego fixo e de calidade nesta Administración”, apuntou. A través destas convocatorias, a Xunta non só promove a estabilidade do emprego temporal senón que tamén realiza a cobertura de prazas vacantes por xubilación ou de nova creación nos servizos públicos que presta a Xunta de Galicia.

O director xeral sinalou que, unha vez trasladadas as convocatorias aos órganos de representación sindical, e logo da súa negociación, a Xunta publicará no Diario Oficial de Galicia cada unha destas 10 oposicións, e abrirase o prazo para inscribirse nelas. Desde que se publique a convocatoria ata a realización da primeira proba haberá un prazo mínimo de seis meses, para que as persoas inscritas poidan preparar as probas.

Agárdase unha elevada participación

José María Barreiro informou de que a Xunta agarda que sexan oposicións cunha elevada participación dado o importante volume de prazas e destacou que boa parte destas probas vanse realizar no recinto feiral de Silleda, dado que este espazo cumpre os requisitos de centralidade e seguridade necesarios para desenvolver con éxito as oposicións.

18 de setembro de 2019 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.