publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta anuncia a aprobación do inicio das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol cun investimento de case 50M€

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O presidente galego en rolda de prensa

O presidente galego en rolda de prensa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a aprobación no Consello da Xunta celebrado esta mañá do inicio das obras de ampliación do Complexo Hospitalario de Ferrol. Desta forma, explicou, posibilítase que comecen os traballos da fase I do Plan director do centro, cun orzamento de case 50 millóns de euros do total dos 130 previstos para a completa execución do plan.

Durante a rolda de prensa posterior ao Consello, o titular do Goberno galego lembrou que este Plan deseñouse para atender a uns 212.000 habitantes de 20 concellos grazas a un complexo hospitalario que abrangue tres hospitais: o Arquitecto Marcide, o Naval e o Novoa Santos. O obxectivo, dixo Feijóo, é “potenciar o hospital e mellorar toda a atención e o confort hospitalario”.

Nesta liña, detallou que a primeira fase, cuxos traballos comezarán a finais deste mes, implica a construción de 2 novos edificios, polo que a superficie do Hospital Arquitecto Marcide pasará dos máis de 43.000 metros cadrados dos que dispón na actualidade ata case 67.000. En concreto, por unha banda, no novo edificio sur situarase a nova central de instalacións, xerencia, dirección e administración. Por outra, no novo edificio este situarase urxencias, farmacia, gabinetes, nefroloxía, hospitalización, pediatría e UCI.

O titular do Goberno galego destacou que o plan implicará un aumento da superficie total do complexo do 27%, con máis de 109.000 metros cadrados, isto é, aumentar o espazo destinado ás urxencias, un incremento do número camas dun 25%; os quirófanos aumentarán nun 33%, e as consultas externas nun 27%.

Apróbase así o inicio da fase I dun total de tres. A remodelación da ala sur do hospital Arquitecto Marcide será o eixe central da fase 2. Unha vez rematada, dará comezo a fase 3, que permitirá remodelar o centro de especialidades e reorganizar o Hospital Naval.

Feijóo incidiu en que a Xunta solicitou licencia ao Concello de Ferrol o 14 de agosto de 2018, pero “como non nos deu licencia, tivemos que acudir á Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese”.

5 de setembro de 2019 | 16:54 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario