publicidade hoxe

450 deportistas disputaranse o Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia no Desafío Illas Cíes que transitará ao redor dos “tesouros da nosa paisaxe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+
Lete Lasa na presentación do campionato

Lete Lasa na presentación do campionato

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou na mañá de hoxe, xunto co presidente da Asociación Augas Abertas de Galicia, Ricardo Martínez, a VII Edición Desafío Illas Cíes na que o vindeiro domingo 22 de setembro porase en xogo o Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia que contará coas distancias dunha media tríatlon: 1,9 quilómetros a nado nun circuíto de boias na praia do Vao en Coruxo (Vigo), 90 quilómetros en bicicleta desde a praia ata a localidade da Ramallosa (Nigrán) e 21,1 quilómetros de carreira nun circuíto que sairá da praia do Vao e conectará co paseo do muro da praia de Samil. A proba conta co patrocinio da Xunta de Galicia.

O secretario xeral asegurou que os 450 participantes, cun 70% deles provenientes de fóra de Galicia, botaran de menos os “tesouros da nosa paisaxe e os segredos da nosa cultura dos que desfrutarán durante a carreira”. “Falamos das Illas Cíes, en particular, que gobernan a visión dos vigueses e que ano a ano son testemuña das xestas que os participantes do Desafío e falamos, en xeral, do Parque Nacional das Illas Atánticas que foi declarado pola Xunta a comezos de ano como Área de Rehabilitación Integral (ARI), sendo o primeiro informe de carácter insular que se emitía na Comunidade”, apuntou.

Tocante ao deporte do tríatlon, Lete Lasa sinalou o aumento de máis do 20% da contía do convenio de colaboración asinado coa Federación galega ata chegar aos 167.605 euros grazas a achega da Secretaría Xeral da Igualdade de 4.000 euros. En total, dixo, o tríatlon galego recibe preto de 500.000 euros neste 2019 sumando o convenio coa federación, axudas a clubs, patrocinios aos equipos de alta competición ou equipamentos; un incremento que coincide co aumento do 12% das licenzas federativas das que o 24% corresponden a mulleres.

Nas súas verbas, Lete Lasa falou de igualdade e lembrou que a sección de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, presentada onte, conta co 65% de mulleres (11) do total dos 17 bolseiros e bolseiras entre tecnificación e rendemento. “O Desafío Illas Cíes é cómplice na nosa loita en prol da igualdade como demostra coa dotación dos seus premios económicos xa que presentan absoluta igualdade tanto para homes como para mulleres: os gañadores levarán 500 euros, 300 euros para os segundos e 150 euros para os terceiros clasificados”, concluíu.

18 de setembro de 2019 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.