publicidade hoxe

Os bateeiros benefícianse de máis do 80% das axudas da Xunta destinadas a impulsar unha acuicultura sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPontevedraPortada dereita
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe que os bateeiros se benefician de arredor do 83% das axudas aprobadas para melloras no eido da acuicultura que fomentan unha actividade sustentable. Así o sinalou durante a visita que realizou a un polígono de bateas na ría de Aldán na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.

Alí tamén detallou que na convocatoria de 2019 destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), se subvencionan un total de 90 proxectos por un importe de 5,2 millóns de euros. Delas, incidiu, 75 pertencen a empresas dedicadas á produción de mexillón e supoñen un valor de axuda de máis de 4,3 millóns de euros. Por provincias, o 90% das achegas concedidas en Pontevedra vai a parar a empresas dedicadas á produción deste bivalvo e na provincia da Coruña o sector concentra o 82% do total.

Ese protagonismo do mexillón, expuxo Rosa Quintana, tamén se reflicte na actividade, pois o cultivo deste bivalvo é o máximo expoñente da acuicultura na comunidade galega, eido no que supón máis do 95% do volume produción total. Ademais a conselleira sinalou que no 2018 acadou as mellores cifras desde 2009 con preto de 278.700 toneladas por valor de máis de 128 millóns de euros.

A través das axudas, explicou Rosa Quintana, Galicia promove unha acuicultura sustentable no eido medioambiental, responsable, baseada no coñecemento e competitiva. Con esta finalidade, a Consellería do Mar subvenciona actuacións para investimentos produtivos na acuicultura, para diversificar a produción e para modernizar as instalacións neste sector. Ao abeiro destas achegas tamén se financian, entre outros, investimentos na mellora da calidade do produto ou para incrementar o seu valor.

Neste sentido, a conselleira sinalou que entre os proxectos aprobados nesta convocatoria para o sector do mexillón están a construción e modernización de embarcacións con distintos elementos e a modernización e construción de bateas.

Un exemplo de proxecto subvencionado con este tipo de axudas, expuxo, é a construción da batea Dorinda III, obxecto da visita de hoxe, e que pertence á empresa Trascomar Aldán. Este proxecto, informou Rosa Quintana, contou cunha achega de 24.400 euros que contribúe a impulsar a súa actividade de compra, venda e distribución.

A titular de Mar lembrou que estas achegas están destinadas a bateeiros, confrarías de pescadores e acuicultores que promovan unha actividade sustentable, titulares de establecementos de acuicultura situados nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima que teñan as súas instalacións na comunidade. Ademais lembrou que este ano a Xunta convocou por primeira vez, tamén no marco do FEMP, axudas para proxectos de innovación neste eido desenvolvidos por acuicultores, entre eles as confrarías e asociacións e organizacións de bateeiros, en colaboración con organismos científicos ou técnicos.

14 de agosto de 2019 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.