publicidade hoxe

O decreto polo que se permiten instalacións permanentes en zona de servidume de costas entrará en vigor o 29 de agosto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O documento normativo polo que se regulan as competencias de Galicia na zona de servidume de protección do Dominio Público Marítimo-Terrestre e que permitirá, entre outras cousas, a instalación de establecementos de servizos fixas e permanentes entrará en vigor o próximo 29 de agosto. Así consta no decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, logo de que recibira o visto bo do Consello da Xunta o pasado 18 de xullo.

Tras 14 anos de vixencia do decreto actual e tendo en conta que na última década se aprobaron diversas normativas en relación co territorio, o Goberno galego considerou necesario impulsar un novo texto claro, eficaz e transparente, co que ofrecer respostas e solucións ás casuísticas detectadas ao longo destes anos nun ámbito especialmente sensible coma este.

Unha das principais novidades que introduce o decreto é a relativa ao permiso para manter na zona de servidume –é dicir, nas proximidades da costa pero sempre fóra dos areais- instalacións fixas e permanentes. Deste xeito, permítese ofrecer un servizo continuado e permanente, sempre e cando estea xustificado esa necesidade, máis extenso que o que se pon a disposición dos bañistas da tempada de verán, que, en moitas ocasións, xa deixaron de ser os únicos usuarios destas zonas pola ampliación dos usos que nelas converxen, tanto deportivos como de ocio ao aire libre.

Ademais, con estas instalacións permanentes perséguese tamén acadar unha mellora na súa calidade e estética, coa adecuación á contorna e cumprindo requisitos de calidade arquitectónica e de integración paisaxística que coas instalacións temporais, por cuestións económicas, moitas veces non se conseguen.

Con esta regulación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda busca incrementar a protección do Dominio Público Marítimo- Terrestre, ao dotar de servizos de calidade as praias e tamén outras zonas do litoral, diminuíndo a súa demanda sobre o dominio público. De feito, a medida vai na liña das políticas da Xunta de Galicia potenciadoras do turismo de excelencia, con servizos que permitan atraer aos visitantes durante todo o ano, potenciando e consolidando así o medio rural coa posta en valor da súa contorna máis alá da época estival.

Permisos por catro tempadas consecutivas

Outra das novidades que incorpora o novo decreto é que as instalacións temporais poden presentar unha solicitude de uso para catro tempadas estivais consecutivas, en lugar de solicitar cada ano, como ocorría ata o momento, a autorización para cada una das tempadas de verán.

Tamén se definen unha serie de condicións propias para as instalacións temporais e fixas, sobre as distancias e ocupación máxima de cada caso; mentres que para ambas se establece que non poderán almacenarse no exterior do establecemento envases, caixas, cubos ou enseres que afecten á estética visual. Tamén todas as conducións de servizos do establecemento deberán estar soterradas e o sistema de saneamento garantirá unha eficaz eliminación das augas residuais, así como a ausencia de malos cheiros.

Outra das melloras que se integran no novo Decreto é a simplificación e unificación dos permisos de talas en zona de servidume, de tal xeito que se presentará unha única solicitude ante o órgano autonómico competente en materia de montes, que se encargará de solicitar os informes sectoriais que perceptivos e resolver dita solicitude.

O decreto tamén regula as autorizacións temporais para a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas ou deportivas, que sempre serán de carácter temporal, con instalacións vinculadas á actividade e exclusivamente nas datas solicitadas, polo que deberán ser retiradas ao remate deixando os terreos nas condicións nas que estaba.

9 de agosto de 2019 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.