publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O conselleiro de Facenda trasládalle á Fegamp a proposta da Xunta para garantir que todos os galegos teñan acceso a servizos financeiros no seu concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Reunión do conselleiro de Facenda co presidente da Fegamp

Reunión do conselleiro de Facenda co presidente da Fegamp

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, trasladoulle hoxe ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, a proposta da Xunta de Galicia para garantir que toda a poboación galega dispoña de servizos financeiros no seu concello, de modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica.

O obxectivo da Xunta de Galicia é acadar a colaboración das administracións locais para actuar nos 41 concellos que carecen dunha entidade financeira no seu territorio, o que beneficiaría a uns 52.000 galegos que residen nestes municipios. O titular de Facenda explicoulle ao presidente da Fegamp que esta medida repercutirá principalmente nos concellos de menor poboación e ámbito rural.

Pola súa banda, o presidente da Fegamp expresou o seu compromiso de trasladar a todos os concellos o protocolo de colaboración que elaborarán ambas entidades, para que aqueles concellos interesados que así o decidan de xeito voluntario subscriban un convenio coa Administración galega. O conselleiro de Facenda tamén trasladou ao presidente da Fegamp que o compromiso do Goberno galego é asumir de xeito maioritario o custo deste servizo pioneiro.

O Goberno galego prevé licitar antes de que remate o ano un servizo que inclúa, en primeiro lugar, a instalación dun caixeiro automático en cada un dos 41 municipios que non dispoñen de entidade financeira. Con esta medida, os habitantes de cada un dos concellos poderán efectuar xestións ordinarias como a retirada e ingreso de cartos en metálico, a actualización das libretas bancarias ou o pagamento de recibos sen desprazarse a outros municipios.

Ademais, este contrato –que a Xunta sacará a concurso público e que previsiblemente terá unha duración de cinco anos– tamén incluirá outros dous servizos que serán prestados por persoal da entidade á que se lle adxudique o contrato: un servizo de asistencia financeira ao cidadán, para solventar de xeito presencial as dúbidas dos clientes; e un servizo de formación en banca electrónica, para que os cidadáns interesados adquiran nocións básicas para aprender a utilizar os servizos bancarios que xa están dispoñibles a través das novas tecnoloxías.

Concellos beneficiados

Segundo os datos do Banco de España a 31 de decembro de 2018, un total de 41 concellos galegos –o 13% do total– carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 25 municipios nos que residen 26.373 habitantes. Os 25 concellos son Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra.

O resto de concellos distribúense entre a provincia da Coruña, con dez municipios (Aranga, Coirós, Paderne, Vilarmaior, Vilasantar, Cabanas, Lousame, Dodro, Santiso e Toques) nos que residen 20.849 persoas; catro concellos na provincia de Lugo (Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e O Páramo), que concentran unha poboación de 3.119 persoas; e dous municipios na de Pontevedra (Mondariz-Balneario e Dozón), cunha poboación de 1.728 persoas.

2 de agosto de 2019 | 14:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.